Monforte de Lemos, 29 de maio de 2026. O Edificio Multiusos de Monforte acolle este domingo, 31 de maio, a representación teatral para público infantil de “As mil e unha”. Esta cita, dirixida ás familias, pecha a programación cultural deseñada polo Concello de Monforte con motivo da conmemoración das Letras Galegas 2026. A función será ás 18.00 horas, con entrada gratuíta.
A través de “As mil e unha”, Vero Rilo e Luís Iglesias poñen a voz e a música para descubrir o universo de Begoña Caamaño, escritora e xornalista homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. A fantasía ao servizo da transmisión do uso do galego con Circe, Morgana e Penélope como protagonistas nun espectáculo no que o público familiar viaxa polos mitos e o legado dunha autora imprescindible.
A actividade intégrase na Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Monforte.