Monforte de Lemos, 19 de maio de 2026. A Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada inaugurou esta tarde, no Centro Cívico de Monforte, as xornadas “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”, organizadas polo Concello de Monforte en colaboración co Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A formación, dirixida á poboación maior de 50 anos e impartida por profesores universitarios, desenvólvese a través de seminarios formativos ata o 28 de maio. A temática nesta edición xira en torno ao patrimonio das antigas ferrerías da Ribeira Sacra, a tradición e a cultura do pan galego ou os desafíos ambientais que afectan á biodiversidade.
Na inauguración, Gloria Prada estivo acompañada pola Directora do Programa Universitario de Maiores, Esther Olveira Olveira, e ambas deron a benvida ao alumnado destacando o éxito de participación que, ano tras ano, teñen estas actividades que ambas institucións desenvolven conxuntamente desde 2020. Nesta ocasión, con 48 persoas matriculadas.
Gloria Prada destacou na súa intervención a importancia dun programa como este, “que garante o dereito de todos os cidadáns ao acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”, indicou.
Neste senso, agradeceu o interese e a participación do alumnado inscrito, ao que felicitou “polas ganas de seguir aprendendo que demostrades coa vosa presenza nestas xornadas, compartindo experiencias e participando activamente na vida cultural e social do noso Concello”. Precisamente, engadiu a Tenente Alcalde, “este programa demostra que o coñecemento non ten idade e que a curiosidade e o interese por descubrir cousas novas continúan ao longo de toda a vida”. Por iso, suliñou Prada, “desde o Concello seguimos apostando por iniciativas que acheguen a educación, a cultura e o coñecemento a toda a cidadanía”.
PROGRAMA
O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) entre o 19 e o 28 de maio de 2025 coas seguintes actividades:
1. “As antigas ferrerías e os oficios tradicionais no patrimonio histórico da Ribeira Sacra”
Esta actividade desenvolverase en dúas xornadas os días 19 e 21 de maio, a cargo do docente Mario Sixto, profesor da Facultade de Xeografía e Historia e do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.
O obxectivo é explicar dunha maneira próxima como era o traballo do ferro en Galicia durante a época moderna (séculos XVI-SVIII) ata o definitivo ocaso das ferrerías a comezos da centuria pasada. Porase en relación esta explicación co contexto histórico xeral de Galicia naquel momento e os valores naturais e turísticos da comarca.
Na primeira sesión, o martes 19, de 16.30 a 18.00 horas, empregarase una metodoloxía que combina a exposición dinámica co diálogo e o emprego de materiais informáticos de apoio, así como a reprodución en imaxe ou fotocopia dalgunha fonte documental de interese.
Na segunda xornada, o xoves 21 de maio, de 16.30 a 18.00 horas, realizarase unha visita de campo á Ferrería de Penacova. Con esta actividade reforzaranse sobre o terreo algúns dos aspectos introducidos na primeira sesión.
2. “O pan ten moita miga”
Impartirase o mércores, 20 de maio, en dous bloques de formación entre as 16.30 e as 19.00 horas, centrados nos tipos de pan e no pan galego. A encargada da actividade é María Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da USC e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.
3. “Ameazas da biodiversidade”
Esta formación estrutúrase en dúas sesións os días 25 e 28 de maio, de 16.30 a 18.00 horas, a cargo de Teresa Rodríguez López, docente da USC e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo. Os contidos estarán dirixidos a explicar o impacto que teñen determinadas actuacións humanas sobre a biodiversidade (os chamados xinetes da Apocalipse) e tentar concienciar de que o noso medio natural é un préstamo dos nosos fillos e non unha herdanza dos nosos pais, polo que temos que facer todo o posible por non estragalo.