
Monforte de Lemos, 8 de xuño de 2026. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, recibiu este luns a un grupo de alumnos e alumnas universitarios que participan nun curso internacional sobre Enoturismo organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo-Campus de Ourense, e que tivo lugar no Centro do Viño de Monforte.
A representante do Equipo de Goberno deulle a benvida á capital da Ribeira Sacra e destacou a oportunidade desta formación para coñecer de primeira man a riqueza vitivinícola e turística deste territorio único. Puxo en valor tamén as posibilidades que ofrece o enoturismo da Ribeira Sacra no desenvolvemento económico da comarca e convidou a todos os presentes a coñecer máis de preto este territorio e os seus viños a través da oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Este certame celébrase o primeiro fin de semana de xullo coa participación de 27 adegas e un amplo programa de actividades, desde actuacións musicais a viñorutas e masterclass.
A formación tivo lugar durante a mañá deste luns no Centro do Viño e contou coa colaboración do Concello de Monforte, que agasallou ao alumnado e persoal docente cun recordo de Monforte e organizou unha visita guiada ao Conxunto Monumental de San Vicente e a Xudería.