A Tenente Alcalde e o Concelleiro de Deportes presentan o Campus de Baloncesto do Club Breogán que acollerá Monforte no mes de xullo

Monforte de Lemos, 18 de marzo de 2026. A Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, presentaron hoxe o primeiro Campus de Tecnificación ‘The Basket Dream’ Breogán que acollerá Monforte na semana do 20 ao 25 do próximo mes de xullo. Na rolda de prensa estiveron acompañados pola presidenta do Club de Baloncesto de Monforte, Val de Lemos, Marga Rodríguez; o representante de The Basket Dream, Alberto Carmona, e o histórico adestrador do Breogán, Quique Fraga.

A Tenente Alcalde avanzou que as inscricións xa están abertas e animou as familias a ter en conta esta actividade na planificación do período estival: “Falamos dun campus deportivo, pero tamén dunha proposta que combina o baloncesto con actividades lúdicas e de divertimento”. Neste senso, destacou a oportunidade que supón para a rapazada afeccionada a este deporte, xa que o Campus “ven co selo do Breogán, un club referente no baloncesto galego”. Os participantes, indicou, “terán ocasión de mellorar a súa técnica e desfrutar de sesións dirixidas por adestradores profesionais, polo que recibirán unha formación de calidade e unha experiencia enriquecedora”.

Do mesmo xeito, a Tenente Alcalde animou aos rapaces e rapazas que non practican o baloncesto a “aproveitar esta ocasión para iniciarse, xa que a aprendizaxe estará adaptada por idades e niveis, e ademais de baloncesto, haberá traballo en equipo, compañerismo e divertimento”.

Prada puxo en valor a “aposta e compromiso deste Equipo de Goberno co deporte base e cos xoves deportivas de Monforte” e agradeceu ao Club Val de Lemos e ao Breogán a organización deste campus na cidade.

Pola súa banda, a presidenta do Val de Lemos de Monforte, Marga Rodríguez, agradeceu o apoio do Concello de Monforte para a organización deste Campus nun ano moi especial para este Club monfortino, xa que cumpre 25 anos de historia. “Para nós o baloncesto é unha ferramenta de integración e de por en práctica todos os valores que queremos imprimir nos xoves”, indicou.

 

Modalidade intensiva, táctica individual e colectiva e un torneo 3x3

Alberto Carmona e Quique Fraga amosaron tamén o seu agradecemento ao Concello de Monforte pola colaboración e detallaron que o campus contará cunha modalidade intensiva, enfocada na mellora da táctica individual e colectiva, cun traballo específico de tecnificación adaptado por idades e niveis, “permitindo a cada xogador desenvolver ao máximo as súas capacidades”.

Como complemento, o venres 24 celebrarase un torneo 3x3 co obxectivo de fomentar a competición, o compañerismo e a diversión dentro do baloncesto.

Aínda que o número de prazas está por definir, estímase unha capacidade entre 40 e 50 participantes.