Monforte de Lemos, 5 de febreiro de 2026. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, visitou hoxe a II Feira de FP organizada polo IES Francisco Daviña Rey. A iniciativa, implantada o curso pasado, pretende achegar o mundo da Formación Profesional aos mais novos a través dunha exposición de traballos realizados por alumnos na que se pode valorar e apreciar a posta en práctica dos coñecementos adquiridos nas diferentes especialidades que se imparten neste instituto.
Na visita, a Tenente Alcalde participou en varias actividades demostrativas segundo as diferentes familias profesionais. Así, puido poñerse na pel das persoas maiores, así como de dependentes ou persoas con discapacidade física e visual, coñeceu o material didáctico dunha escola infantil e mesmo probou a facer unha analítica. Tamén colaborou co alumnado nunha simulación de consulta odontolóxica e na demostración dunha reanimación cardiopulmonar e da manobra de Heimlich.
Ao longo do percorrido polo centro, a Tenente Alcalde visitou a instalación dunha vivenda domótica, xogou unha partida nunha máquina de videoxogos fabricada polo alumnado e coñeceu de cerca o traballo do alumnado de mantemento de vehículos e electromecánica.
Acompañada pola directora do centro, Raquel Aira, a Tenente Alcalde expresoulle a súa satisfacción pola iniciativa e pola boa acollida desta feira, aberta á visita do alumnado de ESO e Primaria dos centros educativos da contorna, que teñen nesta feira unha oportunidade de coñecer as múltiples posibilidades de formación que ofrece a FP e a súas saídas laborais.