A Torre da Homenaxe iluminarase en verde este sábado, 28 de febreiro, Día Mundial das Enfermidades Raras

Monforte de Lemos, 27 de febreiro de 2026. Monforte súmase aos actos conmemorativos do 28 de febreiro, Día Mundial das Enfermidades Raras, iluminando de verde a Torre da Homenaxe. Con este xesto simbólico, o Concello amosa o seu apoio ao colectivo de persoas que conviven con algunha destas patoloxías e visibiliza estas enfermidades co obxectivo de sensibilizar e concienciar sobre unha realidade que afecta a 3 millóns de persoas en España. As enfermidades raras son aquelas cuxa prevalencia está por debaixo de 5 por cada dez mil habitantes.

Con motivo desta conmemoración, a  Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas impulsa a campaña na que edificios e monumentos se iluminarán de cor verde para dar visibilidade a este colectivo e chamar a atención sobre os retos que afrontan os pacientes con enfermidades raras e as súas familias: prevención, diagnóstico, medicamentos, terapias, atencións social e interdisciplinar, educación e emprego.