Monforte de Lemos, 18 de febreiro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos súmase á conmemoración do Día Mundial do Colangiocarcinoma, este xoves 19 de febreiro. Como xesto simbólico, e coa finalidade de sensibilizar á poboación acerca deste tipo de cancro, a Torre da Homenaxe iluminarase coa cor verde. Deste xeito, o Concello colabora coa iniciativa da Asociación de Tumores de Vías Biliares en España, (ATUVIBI), que promove a campaña #IluminaEnVerde26 para representar con esta cor a esperanza e a concienciación en torno ao colangiocarcinoma e os tumores da vía biliar.
O Alcalde de Monforte, José Tomé, apunta que con este xesto, “o Concello de Monforte quere facer extensiva a toda a cidadanía a conmemoración desta data e brindar apoio ás persoas diagnosticadas con esta enfermidade e ás súas familias, ademais de dar visibilidade e sensibilizar á sociedade sobre este tipo de cancro, o tumor das vías biliares máis frecuente pero aínda pouco coñecido”. De feito, está considerado como un cancro “raro” debido a súa baixa incidencia, xa que representa tan so o 2% dos casos oncolóxicos en toda España, aínda que o seu diagnóstico está aumentando nos últimos anos.
Sobre o colancigiocarcinoma
Os tumores da vía biliar son crecementos anormais de células canceríxenas que se forman das células das vías biliares Estas estruturas son esenciais para transportar a bile, un líquido dixestivo producido polo fígado que axuda a dixerir as graxas.
A pesar de ser unha enfermidade pouco frecuente, o colangiocarcinoma intrahepático (un dos subtipos de tumores da vía biliar) é o segundo cancro de fígado máis diagnosticado do mundo, por detrás do hepatocarcinoma. Trátase dunha enfermidade moi agresiva e o 80% dos casos detéctase en fases avanzadas, cando xa case non hai opción de tratamento curativo. A tasa de supervivencia a 5 anos soamente chega ao 20%.