A Xunta de Goberno aproba as bases da convocatoria de axudas para asociacións culturais, lúdicas, recretivas ou formativas

Monforte de Lemos, 15 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da aprobación, este luns, das bases dunha nova convocatoria de axudas dirixida ás asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas inscritas no rexistro municipal de asociacións. O obxecto é apoiar a realización de actividades durante o actual exercicio 2026.

A Xunta de Goberno deste luns, 15 de xuño, deu luz verde ás bases da convocatoria, de xeito que as solicitudes poderán presentarse por Sede Electrónica ao día seguinte da publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia e durante un prazo de 15 días hábiles. A contía total destinada a estas axudas é de 15.000€.

Tal e como recollen as bases, a finalidade desta convocatoria é apoiar e incentivar as actividades desenvolvidas por entidades e asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas sen ánimo de lucro no municipio de Monforte de Lemos que se atopen inscritas no rexistro de asociacións, para  as actividades a desenvolver no exercicio 2026.

A intención destas axudas, indica o Alcalde, José Tomé, “é fomentar que as asociacións culturais e lúdicas poidan desenvolver actividades de interese e potenciar deste xeito as iniciativas que poidan xurdir dende os distintos ámbitos da sociedade que teñan como fin difundir, promover, conservar e impulsar manifestacións culturais de todo tipo”.

Con este fin, as bases aprobadas teñen por obxecto regular o procedemento da convocatoria para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva e contribuír ao financiamento de programas, proxectos ou actividades culturais, lúdicas, recreativas ou formativas levadas a cabo por entidades e asociacións sen ánimo de lucro no Concello de Monforte de Lemos no exercicio 2026.

Así mesmo, non serán subvencionables os gastos de reforma e acondicionamento de locais, vestiario, actividades con ánimo de lucro ou calquera outro gasto non relacionado co proxecto presentado. Así mesmo quedan excluídas desta convocatoria as axudas a festas patronais, actividades deportivas, comidas e eventos relixiosos.

O importe de cada subvención non poderá superar os 1.000 euros, nin o 70% do importe subvencionable. Así mesmo, as axudas terán carácter único e non acumulativo, e non poderán superar o custo da actividade a desenvolver polo beneficiario.

 

Requisitos para ser beneficiarios das axudas

Poderán solicitar as subvencións desta convocatoria as asociacións legalmente constituídas que desenvolvan actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo, que tendo domicilio social, sede ou representación no Concello de Monforte de Lemos, cumpran os seguintes requisitos:

  1. Carecer de ánimo de lucro.
  2. Estar debidamente inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Monforte de Lemos no momento de presentar a solicitude.
  3. Non ser debedor co Concello por calquera tipo de débeda de dereito público.
  4. Non ser debedor coa facenda estatal ou autonómica e estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.
  5. Non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvención públicas
  6. Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.

Quedan excluídas as asociacións e entidades deportivas e aquelas entidades de iniciativa social debidamente autorizadas para a prestación de servizos sociais no ámbito dos servizos sociais e da inclusión social, e as que reciban no exercicio subvencións de carácter nominativo do Concello de Monforte de Lemos para as mesmas actividades.

 

Solicitude e documentación a achegar

Unha vez publicada a convocatoria no BOP, poderán presentarse as solicitudes, que deberán ir acompañadas da seguinte documentación (as bases e formularios publicaranse na páxina web do Concello):

  1. Solicitude segundo Anexo I das presentes bases.   
  2. NIF en vigor  da  persoa física que actúen en representación a presentar co Anexo II.
  3. Memoria explicativa detallada do programa de actividades que se pretenden realizar durante o 2026 con especificación da data, lugar de realización, responsables do desenvolvemento da actividade, obxectivo e fins concretos a que se destinarán os fondos, de acordo co baremo que figura no artigo 7 destas bases. Anexo III
  4. Orzamento de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados. Anexo IV
  5. Datos bancarios da conta á que se transferirá o importe da subvención, debidamente certificada pola entidade bancaria ou certificado da titularidade. Según Anexo V de Rexistro de Terceiros.
  6. Declaración responsable da entidade solicitante no que conste as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, comprometéndose a comunicarlle ao Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados. Anexo VI.
  7. Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario e de non ser debedor á Facenda Estatal e Autonómica, nin á Seguridade Social. Anexo VII.