O Concello mellora a iluminación no Campo de San Antonio e nos pasos peonís da avenida de Galicia a Otero Pedrayo

Monforte de Lemos, 26 de febreiro de 2018.

O Concello de Monforte segue adiante co seu proxecto para optimizar a iluminación no conxunto das rúas da cidade. Desta volta, as melloras acometéronse en dous pasos de peóns, entre a rúa Otero Pedrayo e avenida de Galicia, e na praza do Campo de San Antonio. A inversión total para estes dous proxectos foi de 7.235 euros e en total colocáronse ou melloráronse 41 puntos de luz.

Pasos de peóns con nova iluminación

No que atinxe aos dous pasos de peóns, estes nunca tiveron iluminación, polo que as obras neles consistiron na instalación completa dos elementos necesarios para iluminalos. Así, dunha banda, no ubicado na rúa Otero Pedrayo á altura do supermercado Familia instaláronse 4 proxectores tipo led nos laterais do edificio. E no paso ubicado á altura do centro de drogodependencias, o que une a avenida de Galicia coa rúa Otero Pedrayo, instaláronse 3 proxectores. A inversión neste traballo de mellora foi de 2.135 euros.

      

 

 

Mellora lumínica no Campo de San Antonio

Na Praza do Campo de San Antonio, onde se sitúa a casa do Concello, o actual alumeado de vapor de sodio das farolas da praza substituíuse por outro novo de haloxenuro metálico e que, neste caso, emite unha luz branca que xera unha mellor visión. En concreto, instaláronse 9 luminarias nas farolas colgadas das fachadas dos edificios e 25 farolas modelo “Villa”, de tipo ornamental. Neste caso, tamén se trata de luz de haloxenuro metálico. A inversión para a mellora lumínica do Campo de San Antonio foi de 5.100 euros.

             

 

Máis rendemento lumínico

Con estes traballos conséguese aumentar o rendemento lumínico das instalacións pero sen que haxa un incremento no consumo. Unha das prioridades do actual goberno municipal é recuperar e mellorar a iluminación de Monforte.

Estas tarefas de actualización do alumeado público súmanse ós traballos que se xa se levaron a cabo en moitas zonas da cidade e tamén das parroquias.