Presentación do Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada que se celebrará este sábado en Monforte

Monforte de Lemos, 04 de setembro de 2019. Hoxe tivo lugar na Casa do Concello de Monforte a presentación oficial do Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada que se celebrará este sábado día 7 de setembro dende as 15 horas polas rúas e entorno de Monforte, e que contará coa participación das categorías cadete, júnior e féminas.

A presentación contou coa presencia do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, que estivo acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, o Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o Director Técnico e Seleccionador da Federación, Guillermo Sade.

O Campionato, que pechará hoxe ás 12 da noite a súa inscrición, prevese que conte coa participación duns 200 deportistas das categorías base e provintes de toda Galicia. Neste senso, o rexedor municipal indicou que “para o Concello de Monforte sempre é un pracer acoller eventos deportivos desta índole, entre outras cousas por tratarse de categorías de base, como é o caso, xa que somos conscientes da importancia que ten o deporte na formación dos rapaces e rapazas, non só no apartado deportivo senón no propio desenvolvemento integral das persoas.”

O circuíto previsto, que percorrerá diversas rúas de Monforte e chegará ata o concello de Sober, terá unha lonxitude de 18 quilómetros.

Ás 15 horas está prevista a saída da categoría Júnior, que dará 5 voltas a este circuíto; ás 17:30 horas será a quenda dos Cadetes, con 3 voltas ó circuíto; e serán as mesmas voltas as que dean a partires das 19 horas as participantes da categoría Féminas. Esta última, será a categoría estrela da proba, en verbas de Guillermo Sade, xa que “integrará a participación das categorías cadete, júnior, sub 23, élite e máster”.

As probas conlevarán cortes de tráfico dinámicos, que serán puntuais, é dicir, con aperturas e pechadas puntuais de tráfico. Neste senso, ademais da colaboración da Garda Civil, o alcalde destacou que “o Concello de Monforte deseñou un dispositivo especial de tráfico para cubrir e garantir a seguridade no tramo urbano. Este dispositivo implica a un total de 22 persoas entre Axentes da Policía Local, persoal de Servizos á Cidadanía, e outro Persoal Municipal que fundamentalmente se dedicarán a controlar os cruces de rúas polos que transcorre o percorrido”.  Por iso, o Alcalde agradeceu a comprensión dos veciños da cidade ante a celebración deste tipo de probas, que supoñen unha boa promoción para Monforte, e pediu desculpas polos posibles trastornos que os cortes de tráfico poidan xerar.

Finalmente, o Presidente da Federación, agradeceu o compromiso e a colaboración do Concello de Monforte e do departamento de deportes na organización deste evento, que converterá “a cidade do Cabe na capital galega do ciclismo durante esta fin de semana”. Como mostra deste agradecemento, a Federación obsequiou ó Concello cun maillot enmarcado correspondente á Volta a Galicia celebrada en Monforte en 2017.

 Medidas de tráfico Campionato Galego Ciclismo en Ruta