O Concello constrúe un novo parque infantil no barrio de Val de Lemos

Monforte de Lemos, 18 de decembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que, dentro do programa de dotación de novas infraestruturas urbanas posto en marcha polo Equipo de Goberno do Concello, vense de adxudicar a obra para a construción dun novo parque infantil no barrio de Val de Lemos.

O Concello de Monforte destinou á construción do novo parque infantil un orzamento de 73.590,64 euros, obra que foi adxudicada a Ouri Entretenimientos SL, por un importe de 61.725,73 €. O prazo de execución é de 56 días, e está previsto que se inicien os traballos de ampliación e mellora pasadas as festas de Nadal, a principios de xaneiro de 2021.

 

O barrio Val de Lemos localízase no extremo sureste do núcleo urbano de Monforte de Lemos, xurdido no seu día da implantación no lugar dunha primeira urbanización de vivendas sociais de planta baixa, á que despois seguiu unha máis recente de bloques de pisos, constituíndo o conxunto o que se denomina como urbanización Val de Lemos.

Dita urbanización, xunto a outras vivendas que se foron instalando o seu redor, fai que se concentre no lugar unha alta densidade de poboación neste barrio, en moitos casos, xente nova.

Existe no lugar, á altura dos bloques de vivendas, un espazo público con xogos infantís e unha zona verde que o rodea, sendo este o único espazo destinado a tal fin co que conta o barrio.

A tal efecto, o Alcalde indicou que “sendo coñecedores das necesidades deste barrio, e dado alto número de familias que viven no mesmo, dende o Equipo de Goberno do Concello decidimos levar a cabo a construción dun novo parque infantil no barrio Val de Lemos”.

“Para iso”, continuou o rexedor municipal, “melloraremos os accesos e os cerramentos do parque, coa construción dunha escaleira no seu extremo sureste, a instalación dunha valla perimetral en parte do seu perímetro e a colocación de pavimento de adoquíns para facilitar a mobilidade no seu interior. Construiremos unha nova área de xogos infantís máis ampla, con xogos adaptados e inclusivos, así como dotarémolo dun pavimento e valla de seguridade. E tamén, instalaremos céspede artificial en todo o resto da súa superficie”.

 

Novo Parque infantil Val de Lemos

A zona de actuación localízase no mencionado barrio de Val de Lemos de Monforte, no parque situado no extremo sureste do seu núcleo urbano, e máis en concreto, na parte máis elevada do barrio, ó oeste do bloques de vivendas e na marxe oposta a estes da rúa Vivendas Sociais Val de Lemos.

O actual parque, dunha superficie duns 650 m2, presenta unha forma practicamente rectangular. A construción do novo parque infantil proxectouse sobre unha superficie duns 660m2, na que se inclúen os seus accesos, a área de xogos infantís e o espazo de esparcemento restante.

Actuacións previas

En primeiro lugar, desmontaranse e retiraranse do lugar os actuais xogos infantís (tobogán, columpio e xogo múltiple), así como os materiais das superficies onde se asentan: pavimento de seguridade en caucho e area, co bordillo de formigón que as delimita.

Realizarase a continuación un rebaixe do terreo para a instalación dunha soleira de formigón de 15 cm. espesor, que abarcará a totalidade da zona de actuación de 660m2, trasladando o material extraído a vertedoiro. Practicarase un perfilado e compactado final á súa superficie de fondo. Retiraranse os 3 bolardos existentes nuns dos seus accesos, sendo reservados para a súa posterior recolocación.

Para rematar, desmontaranse as 2 columnas eléctricas de alumado, fóra de servizo, existentes cara ao extremo leste da zona de actuación.

Pavimentos e pechamentos da parcela

O pavimento resolvese con dous tipos de pavimento:

  • Area de impacto dos xogos infantís, de 140 m2, no que se aplicará un pavimento continuo absorvedor de impactos. Este pavimento crearase in situ mediante a aplicación de dúas capas: unha capa base consistente nunha mestura de SBR (gránulos de caucho de 2 a 4 mm. de tamaño, procedentes da trituración de pneumáticos fóra de uso) con resina, cuxo espesor dependerá da altura máxima de caída indicada para cada xogo polo seu fabricante (entre 2 e 7 cm.); sobre esta aplicarase unha capa de acabado mediante mestura de EPDM (gran de caucho de 1 a 4 mm. de tamaño pretratados segundo cor demandado) con resina, de espesor mínimo 1cm., en cor avermellada, idéntico ao da actual zona de xogos. Todo isto levarase a cabo segundo norma UNE-EN 1177:2018 AC:2019.
  • No resto da superficie, de 477,75 m2, instalarase céspede artificial, agás nos corredores en adoquín que se colocarán para o tránsito a pé desde cada un dos dous accesos exteriores dos que dispón o parque, pola rúa Vivendas Sociais Val de Lemos ata a área de xogo. O céspede artificial de fibras de polietileno e polipropileno terá unha altura de fío de polo menos 25 mm., sendo fornecido en rolos a estender, pegados con cola e cinta de 25 cm. de anchura, esparcindo sobre o mesmo, para o seu asento e lastrado, area de sílice natural, lavada e secada, de granulometría de 0,2 a 0,5 mm.
  • Todo elo irá sobre unha soleira de formigón de 15 cm. de espesor, que se construirá. Previo á construción desta soleira de formigón, levantarase un encofrado en parte do seu perímetro e instalaranse as ancoraxes dos elementos de xogo que deban ir embutidos na soleira.

Ademais destes pavimentos, colocarase o solado de adoquín nos dous corredores antes indicados e crearase unha escaleira no acceso sur do parque, para salvar o desnivel duns 0,70 m., existente entre a superficie final en céspede artificial de este e a beirarrúa da rúa. A escaleira construirase con ladrillo cerámico e baldosa táctil prefabricada de formigón, segundo norma UNE-EN 1339:2004, recubrindo as partes vistas en ladrillo con enfoscado de morteiro cemento.

Nos accesos, colocaranse tramos de barandillas metálicas galvanizada, tipo API-1, para evitar o acceso ó recinto de xeito brusco.

Para o cerramento da parcela, instalaranse tramos de valla metálica electrosoldada de 1,50 m. e 2,00 m. nos lindes da parcela sur e oeste respectivamente; e colocaranse os bolardos na súa nova ubicación.

Equipamento e mobiliario da nova área infantil de xogos

A nova área de xogos Parque infantil do barrio de Val de Lemos, contará cos seguintes elementos de xogo:

  • 1 Vaso xiratorio, de 1 praza: trátase dun asento individual xiratorio, de PE reciclable e sistema de ancoraxe a soleira en aceiro galvanizado. As súas dimensións son 40 cm. (diámetro máximo) e 60 cm. de altura de asento máxima, e conta con buraco de drenaxe para evitar o estancamento de auga de chuvia no propio xogo.
  • 1 Muelle, de 1 praza: muelle individual, de paneis laminados de alta presión (HPL), de 13mm. de espesor, e asento de PE reciclable, con pezas metálicas en aceiro galvanizado e cubrición de po de poliéster. As dimensións aproximadas son de 70 cm. (longo) x 60 cm. (ancho) e 55 cm. de altura de asento máxima.
  • 2 Columpios de 2 asentos: pórtico de columpio de dúas prazas formado por travesaño horizontal fabricado en ferro electro-galvanizado e catro postes de madeira. Unións de postes ó travesaño superior, bases de fixación e rodamentos mediante pezas en aceiro galvanizado. Dimensións aproximadas: longo: 4000 mm., ancho: 17500 mm., alto: 2700 mm, e superficie de seguridade: 25 m2.
  • 4 Asentos para columpio: 1 plano, 2 de seguridade e 1 inclusivo con arnés:
    • Un asento plano: fabricado PE reciclable, con sistema de amarre a cadea en aceiro galvanizado.
    • Dous asentos de seguridade: fabricado PE reciclable, con sistema de amarre a cadea en aceiro galvanizado.
    • Un asento inclusivo con arnés: Asento inclusivo con arnés de protección e pechadura de seguridade, en fibra de polietileno, de dimensións aproximadas 54 cm. (ancho) x 90 cm. (alto) x 74 cm. (profundidade), con buraco de drenaxe para evitar o estancamento de auga no xogo.
  • 1 Xogo inclusivo múltiple-Torre activa: está composto por variadas actividades en forma de circuito, de dimensións 2,7 m. de longo x 4,3 m. de ancho, 2 m. de alto e cunha superficie de seguridade de 49 m2. Os elementos de xogo que formarán esta torre activa son os seguites:
    • Tobogáns, con alturas diferentes e superficie de aceiro inoxidable pulido dunha peza, con ángulo de deslizamento de 36º, e soportes laterais de madeira laminada.
    • Paneis de xogo inclusivos, con panel laminado de alta presión (HPL).
    • Trepa recta de barras metálicas rectas, en aceiro electro galvanizado e pintada con po de poliéster forneado.
    • Trepas de rede ubicadas entre postes estruturais e unha grande de unión de torres. Compostas por cordo entrelazadas entre si, formando unha rede horizontal. Fabricada en poliamida de 16 m de diámetro, reforzadas con fibras de aceiro deseñadas para resistir elevadas tensións, forza de torsión mínimo de 2.200 Kg. Os seus accesorios de fixación serán de plástico con fibra de vidro.
    • Xogo de anillas formado por dúas cordas reforzadas de aceiro, con protección en parte inferior de plástico.
    • Barandillas protectoras de caídas na torre.
    • Barras fixas metálicas a modo de protección en torres ou balanceo na zona de trepa, de aceiro electro galvanizado e pintadas con po de poliéster.

Ademais, instalarase unha valla de seguridade ó longo do perímetro do área de xogos, de modelo V15 de Galopín.

Todos os elementos que se instalen nesta área de xogo infantil cumprirán co Decreto 245/2003, de 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade en parques infantís, así como o determinado polas normas UNE-EN 1176:2009, “Equipamento das áreas de xogo e superficies” e UNE-EN 1177:2018 AC:2019, “Revestimentos das superficies das áreas de xogo absorbedores de impactos. Métodos de ensaio para a determinación da atenuación do impacto”.

Ademais, todos os elementos instalados neste parque infantil irán ancorados ó formigón en masa mediante a tornillería necesaria para a fixación dos mesmos, que deberán cumprir as especificacións definidas na Norma UNE-EN 1176-1.

Finalmente, os xogos instalados contarán co correspondente Certificado de conformidade coa de acordo coa normativa UNE EN 1176.

 

“Con esta actuación o Concello de Monforte” destaca o Alcalde, “segue a dotar de infraestruturas á cidade, e neste caso, construíndo un novo parque infantil, o do barrio Val de Lemos mediante a cal os veciños e veciñas desta zona, e en especial os nenos e nenas, disporán dun novo parque infantil no que poder xogar con seguridade e practicar un variado número de actividades de ocio. O compromiso que mantemos dende o Equipo de Goberno cos veciños do Concello de Monforte segue a ser firme, e seguimos apostamos por dotar de novos servizos e infraestruturas, naquelas partes do municipio onde sexa necesario”.