Monforte de Lemos, 22 de decembro de 2020. A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó ciclo de teatro infantil e familiar continua en Monforte de Lemos o vindeiro luns 28 de decembro ás 18:00 h no Edificio Multiusos coa posta en escena da obra Animais de compañía da compañía Teatro do Noroeste. A obra está composta e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Imma António e Manuela Varela.
O aforo máximo será de 120 persoas. A entrada xeral é de 5 euros, sendo de 3 euros para estudantes, xubilados e desempregados. A venta de entradas levarase a cabo unha hora antes do inicio da obra e o acceso ó salón de actos por parte do público realizarase media hora antes do comezo da obra..
Sinopse
Animais de Compañía é un espectáculo para público familiar dende 6 anos. Unha comedia musical en forma de fábula, que vai conquistar aos máis pequenos da casa mentres viven un proceso de aprendizaxe de valores éticos.
Maxa e Fedra, unha vella cadela e unha gata nova, son as envargadas de, entre cancións, contos, relatos e liortas, ensinar as nenas e nenos a importancia do respecto ás diferenzas, diferenzas de raza, cor, relixión, xénero... Unha divertida e máxica comedia familiar. Unha fábula moderna sobre as relacións humanas.
Como nas fábulas clásicas, dous animais toman características humanas para construír un proceso de aprendizaxe e toma de valores éticos.
A seguinte obra de teatro que se representará en Monforte será o espectáculo teatral para público familiar chamado Quimera, interpretado polo actor valdeorrés Gabriel Prada, que terá lugar o luns 4 de xaneiro de 2021, ás 20 horas, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Esta obra dentro da programación de Nadal organizada polo Concello, e a entrada é libre e gratuíta.
Protocolo ante o Covid-19
Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:
- O aforo máximo é de 120 persoas.
- A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
- A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
- Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
- Gardarase a distancia social de seguridade.
- Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.