Monforte de Lemos, 21 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, clausurou a última hora da mañá de hoxe o Congreso Internacional: VII Conde de Lemos no IV Centenario da súa morte (1622-2022) que acolleu dende o pasado mércores a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte e que serviu para poñer en valor a figura de D. Pedro Fernández de Castro e Andrade.
Este importante encontro internacional abordou, a través de investigadores e especialistas no VII Conde de Lemos diversos aspectos relativos ó legado deixado por este nobre en Galicia e Monforte, así como a súa importancia dentro da historia de España e de Italia, en concreto en Nápoles.
Na clausura das xornadas, o rexedor monfortino estivo acompañado pola Catedrática en Historia, especialista no VI Conde de Lemos e presidenta do comité organizador deste congreso, a monfortina Dra. Manuela Sáez González, e a Dra. Marta Rodríguez de la Fuente, Coordinadora Aula Universitaria UNED -Monforte de Lemos, que foi a universidade organizadora do congreso.
O Alcalde agradeceu a poñentes e participantes a súa asistencia e participación neste Congreso, “o cal espero que cumprira todas as súas expectativas e que servisen para ampliar os seus coñecementos sobre D. Pedro Fernández de Castro e Andrade, VII Conde de Lemos”.
“Logo de tres días de posta en común de investigacións e traballos, así como de debates, arredor do VII Conde de Lemos, agardo que se acadara o obxectivo que nos propuxemos cando botamos a andar este Congreso, que foi o de poñer en valor unha das figuras máis sobresaíntes da Idade Moderna na historia de España y tamén de Italia, como así atestiguaron estes días algúns dos investigadores protagonistas deste congreso” subliñou o Alcalde.
José Tomé tivo unhas verbas de agradecemento cara á “auténtica artífice deste Congreso arredor do VII Conde de Lemos, Dª Manuela Sáez González, monfortina, amiga e profunda coñecedora da figura de D. Pedro. Gracias por traer este congreso a Monforte, gracias pola túa implicación coa cultura e coa historia da nosa cidade. E sabemos que estás a piques de publicar unha extensa biografía sobre o VII Conde de Lemos. Estarémola agardando con sumo interese e estamos seguros que sen dúbida contribuirá a facer máis grande aínda a figura de D. Pedro, algo que este Congreso creo que tamén ven de acadar”.
O rexedor monfortino pechou a súa intervención animando ós participantes a volver a Monforte en outras ocasións, para descubrir “o encanto da cidade e da Ribeira Sacra, unha visita que non defrauda a ninguén.”
O Congreso Internacional sobre o VII Conde de Lemos, reuniu estes días a especialistas de Galicia, do resto de España así como de Italia que departiron sobre aspectos moi diversos arredor de D. Pedro Fernández de Castro e Andrade.
Ademais dos asistentes presenciais, tamén foi retransmitido en streaming en directo, gracias á colaboración da Fundación TIC da Deputación de Lugo.