O Alcalde presenta o proxecto de instalación da nova tubaxe que “suporá un antes e un despois” na rede xeral de abastecemento de auga de Monforte

Monforte de Lemos, 17 de agosto de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto para a instalación dunha nova tubaxe que mellorará significativamente a rede xeral de abastecemento de auga de Monforte e que suporá, en verbas do rexedor monfortino “un enorme salto de calidade do servizo que lle ofrecemos os nosos veciños e veciñas do Concello de Monforte”.

Na presentación, o rexedor monfortino estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, así como representantes da empresa Aqualia (Carlos Álvarez, xefe de producción; Alfredo Díaz, xefe do departamento de obras; e José Ramón García, xefe de servizo en Monforte).

Esta importante obra de mellora, denominada “Desdobramento da rede xeral: construción dunha nova tubaxe xeral”, é froito do preacordo asinado o pasado mes de xullo entre o Alcalde e a empresa Aqualia, co obxecto de executar o cumprimento parcial da sentenza nº 269/2021, de 30 de decembro, do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, na que se ordenou a dita empresa a execución de inversións incluídas no seu Plan de Investimentos para o Concello de Monforte, por un importe de 1.671.671,22 euros, que sumando os intereses de demora.

A actuación consistirá na dotación dunha nova tubería xeral de fundición entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, “que suporá un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”, salientou José Tomé.

O proxecto dado a coñecer hoxe polo Alcalde, será levado a un pleno extraordinario da Corporación Municipal, co obxecto de que sexa sometido a votación para a súa aprobación, unha sesión plenaria que terá lugar o vindeiro luns 22 de agosto ás 8 da tarde.

 

Construción dunha nova tubaxe xeral

O proxecto dado a coñecer hoxe polo Alcalde suporá o desdobramento da rede xeral de abastecemento de auga da cidade, coa construción dunha nova tubería xeral de titularidade municipal para a condución de auga entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente.

Actualmente, a tubaxe xeral da rede de abastecemento dispón dunha condución de fibrocemento, na que se ocasionan avarías e roturas, polo que facíase necesaria a construción dunha nova tubería de fundición.

Neste senso, o rexedor monfortino explicou que “esta nova tubaría de fundición vai ser moi difícil que teña avarías como ata as que había agora, debido a que está construída con un material altamente resistente, en comparación co fibrocemento, como é a fundición”.

Para levar a cabo esta instalación, proxectouse unha tubaxe sobredimensionada para as previsións de consumo coas que contamos, que foron tomadas a partir dos datos reais actuais. Desta forma, tivéronse en conta valores de partida (en máximos históricos) como o caudal medio mensual que é de 274.511 m3/mes.

Tendo en conta os datos relativos ó caudal medio, proxectouse a realización dunha nova condución desde as proximidades do Depósito de Cornado, (excepto un primeiro tramo que xa dispón de tubaxe de fundición de 300 mm), até o Depósito de San Vicente, mediante unha tubaxe de fundición de 350 mm de diámetro.

As obras a realizar para a execución da condución da nova tubaxe de fundición consistirán na escavación en gabia e posterior instalación da condución sobre un leito de material granular duns 10 cm. A tubaxe irá enterrada en gabia de dimensión variable realizada con medios mecánicos, con arquetas de rexistro, válvulas redutoras de presión e de peche, así como ventosas e as conexións correspondentes. Finalmente encherase a gabia con material procedente da propia escavación e reporanse os pavimentos afectados alí onde sexa necesario.

Neste senso, o Alcalde explicou que “levarase a cabo unha reparación total do firme do carril das vías afectadas, non por partes, é dicir, non só por onde se abriu o tramo para instalar a nova tubería, senón que terá que repararse o carril completo que se vexa afectado”.

En canto á lonxitude total desta nova tubaxe de fundición, será de 4.775 metros.

Para acometer esta actuación, o Concello aportará os terreos que lle son propios, así como os dereito e permisos necesarios para a execución das obras proxectadas de carácter municipal, non sendo necesaria a expropiación de terreos particulares xa que a rede discorre por terreos de carácter público.

Debido ás características do trazado da rede de abastecemento e das actuacións proxectadas, tamén afecta a outras administracións, para o que Aqualia tramitará os permisos sectoriais correspondentes antes do comezo das obras. En concreto:

  • Coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, debido a que se atopa en zona de afección de elementos de Patrimonio Cultural, porque no tramo final discorre polo Casco Histórico.
  • Coa Confederación Hidrográfica do Miño Sil debido a que parte das actuacións se encontran en zona de protección de augas, en concreto,  a nova tubería cruzara tres canles como son a de Arroxo, Zapardiel e Rioseco.
  • Coa Axencia Galega de Infraestruturas, debido a que se atopa en zona de afección de vías de titularidade autonómica como son a LU-546 e LU-662.
  • E con ADIF, debido a que se atopa en zona de afección de ferrocarril, pois a nova tubaxe cruzará por debaixo da vía do tren.

O prazo de execución desta obra está establecido en 6 meses unha vez sexa adxudicada a obra e asinada a acta de replanteo.

A obra conta cun orzamento base de licitación sen IVE de 1.784.831,44 euros (co IVE ascende a 2.159.646,04 €). A estas contías de execución material, aplícase unha redución do 6,34% para realizar a obra polo importe da sentencia.

 

Percorrido da nova tubaxe

En concreto, o percorrido que seguirá a nova tubaxe ó longo de case 5 kilómetos, será o seguinte.

Partirá do depósito de Cornado, e desde este punto discorrerá nun tramo por camiños, rúas e estradas da zona urbana de Monforte de Lemos ata que se bifurca en dous tramos. Concretamente, un destes tramos baixará do Cornado hacia Ribasaltas, pasando por debaixo da vía, virá por toda a estrada do Morín e pola rúa Doutor Casases, ata chegar á rúa Curros Enríquez, na que se bufurca, indo un tramo ata o cruce da rúa San Pedro, onde rematará; e outro discurrirá pola rúas Curros Enríquez, Calvo Sotelo, Lagares e subirá por la rúa Real.

No entronque da rúa Real con rúa Lagares volverá a bifurcarse á súa vez. Unha das bifurcacións irá ata a rúa Florida onde rematará, e a otra continuará pola rúa Lagares e acabará na unión coa Rúa Roberto Baamonde.

 O tramo que sube pola Rúa Real,  discorrerá por esta cara ó Campo da Virxe, e o acceso a San Vicente, onde acabará entrando pola Rúa Vella até o punto de entroncamento co depósito nº1 de San Vicente.

 

O Alcalde destacou que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable. Hoxe, coa presentación deste proxecto, e o vindeiro luns, coa súa previsible ratificación por parte do Pleno, seguimos dando pasos firmes para cumprir os compromisos pendentes que establece o contrato entre Aqualia e o Concello.”

“E sen dúbida” concluíu José Tomé, “a instalación desta nova tubaxe, suporá un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte, e suporá un enorme salto de calidade do servizo que lle ofrecemos os nosos veciños e veciñas do Concello de Monforte”.