Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2022. A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, acompañada polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e a Concelleira de Consumo, Regina López, participou hoxe na inauguración na xornada adicada a conmemorar o centenario da IV Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, que foi celebrada en Monforte de Lemos entre o 18 e o 20 de febreiro do ano 1922.
O Concello colaborou activamente cos organizadores para facer posible a celebración desta xornada en Monforte, a cal foi promovida polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Vicente Risco.
Na súa intervención, a Concelleira destacou a implicación do Equipo de Goberno neste tipo de actos. “Mantemos un compromiso coa cultura firme e decidido, e apoiar e fomentar xornadas como esta, que nos achega de forma directa o noso pasado, para nós é fundamental, porque so coñecendo a nosa historia, o noso pasado, poderemos construír axeitadamente o noso futuro”.
“Acoller hoxe esta xornada que nos descubrirá en profundidade os detalles da IV Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, e que protagonizaron asistentes tan ilustres como Castelao, Otero Pedrayo, Manuel Antonio ou Ángel Casal, entre outros, é para nós motivo de gran satisfacción” salientou Doutón.
Esta xornada, que leva por título “Cen anos soñando o destino. IV Asemblea Nacionalista de Monforte das Irmandades da Fala” foi coordinada pola profesora e poeta Olga Novo Presa, a Secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, e o Secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé Rodríguez Díaz.
A titular de cultura monfortina tamén animou ós asistentes de fora a coñecer e descubrir Monforte, unha cidade “esta chea de encanto e a súa historia está presente na Torre da Homenaxe e no Conxunto monumental de San Vicente, que foi onde realizaron un retrato de grupo os asistentes a esta Asemblea, fotografía que protagoniza o cartaz e o programa destas xornadas (...) actividades coma esta, contribúen decisivamente a dar a coñecer o noso patrimonio e a nosa historia, o cal agradecemos”.
Na inauguración tamén participaron Rosario Álvarez Blanco, Presidenta do Consello da Cultura Galega, Celia Pereira Porto, Presidenta da Fundación Vicente Risco, José Eduardo López Pereira, Presidente da Fundación Otero Pedrayo, e Tareixa Antía Ferreiro Tallón, Vicepresidenta da Deputación de Lugo.
O programa de actividades que se desenvolveron arredor desta xornada constou dunha parte científico-divulgativa, a cargo dos reputados expertos Raúl Soutelo Vázquez, Xurxo Ayán Vila, Emilio Xosé Insua e Aurora Marco López, dirixida a toda a sociedade monfortina e galega, e dunha parte lúdico-festiva, que incluíu obradoiros e xogos para crianzas e unha lectura pública de textos dos autores presentes no acto que se conmemorou.