Os Xograres de Lemos ofrecen un concerto mañá venres 26, dentro do Verán Cultural organizado polo Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 25 de agosto de 2022. Mañá venres 26 de agosto, a partir das 10 e media da noite (22:30 h.),  a praza de España de Monforte acollerá o concerto de Os Xograres de Lemos, dentro do programa de actividades do Verán Cultural organizado polo Concello monfortino.

En concreto, o concerto amosará o traballo musical de dúas das agrupacións destacadas da Asociación Xograres de Lemos.

Por unha banda, actuará o Orfeón Xograres de Lemos, formado por integrantes de Monforte así como de toda a comarca de Lemos. Este Orfeón está composto por un gran número de voces mixtas, acompañado con variedade de instrumentación, como as gaitas, saxofón, acordeón, percusión, baixo eléctrico e pandeiretas.

O repertorio estará formado por composicións propias da directora Beatriz Vázquez, ademais de arranxos de temas coñecidos. É un estilo tradicional pero adaptado ós tempos actuais, sen afastarse das raíces da zona. A formación leva 9 anos levando a cabo actuacións.

A outra formación destacada do concerto será a Batucada Aikirindo. Trátase dunha agrupación orixinal, formada por uns 20 integrantes, na que se incorporan instrumentos melódicos como a gaita ou o teclado, ademais da percusión. Son todos arranxos propios da directora Beatriz Vázquez de temas coñecidos e  con toques celtas. Este grupo leva 4 anos en funcionamento.

Esta actividade está organizada polo Concello monfortino e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.