O Concello inicia o asfaltado do aparcamento do Parque do Barrio do Hospital

Monforte de Lemos, 9 de setembro de 2022. O Concello de Monforte informa do inicio hoxe dos traballos de asfaltado do que será o estacionamento do Parque do Barrio do Hospital.

O Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, visitou as obras do que será o futuro parque desta zona da cidade e puido comprobar o avance das mesmas, que está sendo desenvolvidas por Calfensa Proyectos S.L.

O novo aparcamento que se está a asfaltar contará con 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.

Do mesmo xeito, estase a rematar tamén a colocación dos elementos de xogo do Parque Infantil, do mobiliario así como a súa valla perimetral.

Tamén se están a ultimar os paseos do Parque do Barrio do Hospital, así como o resto de zonas verdes.

 

Traballos de pavimentación asfáltica e sinalización viaria

Os traballos que se están a desenvolver consisten na mellora das condicións da actual vía de servizo da estrada LU-644 que transcorre polo extremo norte do Parque e a creación paralela a esta, na marxe oposta á referida estrada, dunha franxa de estacionamento en espiga, para automóbiles e motocicletas.

Tanto para o aparcamento como para a vía de servizo, estase aplicando unha capa de zahorra natural, espesor 10 cm., con posterior refino e compactado, encima da cal estase a estender unha capa de aglomerado en quente tipo D-12, de 8 cm. de espesor.

En canto ao acabado do firme, este terá unha lixeira caída cara a vía (3%) para a escorrentía das augas cara a esta, para cuxa recolleita instalarase unha rígola de formigón tipo R40, de dimensións 50x33x10 cm., na unión de ambas. Do outro lado do estacionamento, contra a superficie destinada o Parque, no seu encontro coa senda peonil a construír no perímetro de leste, colocarase, a modo de límite, un bordillo de formigón tipo C2, de dimensións 50x35x15 cm.

Acabados os traballos anteriores, sinalizaranse correctamente ambos espazos, vía e área de estacionamento, coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Así, procederase ó pintado da vía, coa marcaxe das liñas laterais, cebreado e símbolos, e das liñas que delimitan as prazas de aparcamento, diferenciando as reservadas para minusválidos, en azul. Colocaranse 6 sinais verticais segundo a relación:

  • 1 sinal indicativa de “Calzada de sentido único” e 1 de “Perigo peóns” a situar ao comezo da vía de servizo.
  • 1 sinal indicativa de “Paso para peóns”, á altura do paso de cebra que cruzará a vía de servizo, continuación do proveniente da estrada LU-644.
  • 3 sinais indicativas de “Estacionamento”, coa inscrición dos tipos de vehículos ós que se permite estacionar, 1 de automóbiles e 2 de motos, nas respectivas áreas habilitadas para iso.
  • 1 sinal de “Stop” no final da vía de servizo, na súa incorporación ó denominado Camiño dos Codesos.