O Alcalde destaca o apoio do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo ao sector empresarial e ao espírito emprendedor

Monforte de Lemos, 30 de novembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, inaugurou hoxe, xunto coa Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza o novo “Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego-Lugo Sur” que está situado nas instalacións da Estación de Autobuses de Monforte, e que forma parte da rede de 12 polos que irá instalando en diferentes zonas socioeconómicas de Galicia. O acto de presentación deste Polo de Emprendemento levou a cabo no Centro Cívico de Monforte.

Na súa intervención, o rexedor monfortino destacou que “o apoio ao emprendemento é unha das liñas de traballo que eu como Alcalde e o meu Equipo de Goberno, levamos desenvolvendo desde hai máis de 7 anos, porque potenciar o talento e a capacidade de emprendemento das empresas, é o que precisa Monforte, é o que precisa a Ribeira Sacra, é o que precisa a provincia de Lugo e é o que precisa Galicia para progresar”.

Neste sentido, José Tomei avogou por desenvolver “políticas públicas idóneas que permitan á nosa cidade, nosa Ribeira Sacra, a provincia de Lugo e Galicia en xeral, desenvolver todo o seu potencial, pois son moi ricas en recursos”.

Por iso, destacou o apoio firme e decidido tanto do Concello de Monforte como da Deputación ao sector empresarial e ao espírito emprendedor. ”Tanto na Deputación de Lugo, como no Concello de Monforte temos isto moi claro. Consideramos que un dos mellores investimentos que pode facer unha Administración pública é investir no talento das persoas e investir no fortalecemento, na diversificación e na competitividade do noso tecido empresarial”. E lembrou que Monforte está acreditado pola Xunta como concello emprendedor.

 

Permanente colaboración co tecido empresarial e co emprendemento

O Alcalde subliñou que tanto Concello como Deputación de Lugo, contan cunha liña permanente de colaboración co tecido empresarial.

“Apostamos polo emprendemento e polo valor engadido a través da transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. De feito, a Deputación de Lugo é, a día de hoxe, a institución provincial de toda España que fai unha maior achega económica á Universidade pública, en concreto á USC. Ademais, contamos coa súa colaboración para proxectos como o da Granxa Gayoso Castro, que é un auténtico motor para un sector estratéxico para a provincia, como é o sector primario”.

Por outra banda, o Equipo de Goberno do Concello ten en marcha o Programa de fomento da iniciativa empresarial, a través do cal se lle conceden axudas municipais ás empresas que xeren novos postos de traballo ou de autoemprego.

Estas axudas, súmanse á posta en marcha desde o Concello de diversos Obradoiros de Emprego, ao longo destes últimos anos, así como do programa Coworking Ribeira Sacra, que este ano alcanzou a súa 6ª edición, con gran éxito de participación, e do que saen cada ano novos proxectos de negocio.

 

O Polígono do Reboredo, polo de desenvolvemento empresarial

Tamén o rexedor monfortino recordou o traballo de dinamización e desenvolvemento que o Concello ten levado a cabo nos últimos anos no Polígono Industrial do Reboredo, “un polígono no que hai uns anos ninguén cría, do que ninguén falaba, e que dende o Concello decidimos potenciar, a través dun intenso programa de promoción e dunhas melloras moi importantes. O tempo deunos a razón, e os resultados son evidentes. No polígono do Reboredo quedan só dúas parcelas por vender, e ante a demanda crecente de chan industrial é necesario amplialo, unha vía que xa temos en marcha”.

Cabe recordar que hai uns meses, Concello e Xunta inauguraron neste polígono un Viveiro de Empresas municipal, destinado á implantación inicial e á consolidación de novas empresas relacionadas co sector industrial.

O Alcalde concluíu a súa intervención agradecendo a iniciativa da Consellería de situar en Monforte uno destes 12 polos de emprendemento e apoio ao emprego, e desexou “que alcance os obxectivos que se expoñen coa súa implantación: impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación con nosa contorna, e liquidar as necesidades de cada proxecto emprendedor”.

“E aos nosos emprendedores” concluíu José Tomei “só lles pido que sigan adiante coa súa idea de negocio, con empuxe e con ilusión,  para que nos axuden a configurar un tecido empresarial forte e de referencia na nosa cidade, na nosa comarca e na nosa provincia, que cre emprego e que cre riqueza”.