Este xoves Monforte acolle unha nova representación teatral coa peza A lúa vai encuberta, da compañía Incendiaria

Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2022. O teatro volve esta semana a Monforte, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, en concreto este xoves 10 de marzo ás 20:15 no Edificio Multiusos coa posta en escena da obra para adultos A lúa vai encuberta, da compañía Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, obra de Manuel María, dirixida por Tito Asorey e interpretada por Melania Cruz, Davide González, Vanesa Sotelo e Tito Asorey.

Esta peza foi a obra gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, certame no que o Concello de Monforte está integrado dende o seu comezo.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación e a entrada o salón de actos realizarase media hora antes do comezo da obra.

A venta de entradas será ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación.

Debido a situación sanitaria solicitarase o pasaporte Covid sendo obrigatorio o uso de máscaras.

 

Sinopse

Esta representación é un espectáculo arredor da realidade galega e da súa identidade, da confrontación co pasado recente e as súas contradicións.

A lúa vai encuberta leva a escena un texto de Manuel María como unha fonte esencial para, a través dela, entender as diferentes formas sociais e políticas que nos conformaron como país e, polo tanto, como persoas que o habitamos.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Cigarreiras da compañía Contraproducións que terá lugar o xoves 24 de marzo no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados. Esta obra forma parte do programa de actividades deseñado polo Concello de Monforte e o CIM co gallo do 8M, Día internacional da Muller.