A Tenente de Alcalde reivindica a posta en valor do patrimonio material e inmaterial de Monforte e da Ribeira Sacra

Monforte de Lemos, 20 de decembro de 2022. A 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acompañada polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, foi a encargada de abrir hoxe a sexta edición do Foro Territorios Patrimonio, que se celebra ata mañá no Parador de Turismo de Monforte.

No acto inaugural, no que tamén participaron a Directora Xeral de Patrimonio, Mª del Carmen Martínez Ínsua, e o director de dito Foro, Carlos Montilla, a Tenente de Alcalde fixo un repaso polo rico patrimonio que posúe a cidade de Monforte, así como a riqueza paisaxística e artística da Ribeira Sacra e “que son as nosas sinais de identidade e un poderoso reclamo turístico, arredor do que articulamos unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”.

No seu repaso, destacou a importancia e a idoneidade do enclave onde se celebra este Foro, o Conxunto Monumental de San Vicente, que está “encadrado dentro do Conxunto histórico de Monforte de Lemos, declarado Ben de Interese Cultural en 1973”, e no que ademais do Parador destaca a Torre da Homenaxe.

Gloria Prada tamén destacou a importancia da Xudaría monfortina, “que nos permite formar parte da Red de Juderías de España, da que José Tomé ven de ser nomeado presidente para este ano 2023” e puxo en valor a ampla rede museística da cidade.

Tamén a Tenente de Alcalde reivindicou o papel esencial que dentro do patrimonio paisaxístico da Ribeira Sacra aporta o Miradoiro do Duque, “situado xusto encima do embarcadoiro Ponte do Sil, de onde saen os catamaráns da Deputación de Lugo, elementos cos que podemos descubrir a beleza e a maxestuosidade e o valor inmaterial dos viñedos da Ribeira Sacra, fronte a Castro Caldelas”.

Tamén aludiu a que na Ribeira Sacra se atopa a maior concentración de Románico rural de Toda Europa, “aspecto este que foi posto en valor nos últimos anos pola Deputación de Lugo, e que supón un reclamo de primeira índole para as persoas que nos visitan”.

A representante municipal concluíu incidindo en que “todas estas son as nosas sinais de identidade e un poderoso reclamo turístico, arredor do que articulamos unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”. E subliñou que “dende o Equipo de Goberno do Concello, creemos que as diferentes administracións e asociacións debemos aunar esforzos para acadar o noso obxectivo prioritario, que é que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.

VI Foro Territorios Patrimonio

A sexta edición deste foro acolle hoxe martes día 20 e mañá mércores 21, mesas redondas, visitas á zona e unha cata de viño, todo elo arredor da riqueza patrimonial do sur da provincia de Lugo, e abordando de temas como a experiencia entre territorios, a paisaxe patrimonial ou o rural.

O Foro Territorios Patrimonio é un foro internacional que cada ano reúne na Ribeira Sacra a algunhas das voces máis lúcidas do momento en cuestións como patrimonio, turismo sostible e futuro vitivinícola. Un programa de conferencias e actividades dirixidas a profesionais da cultura, estudantes e público xeral con interese en profundar nos retos e oportunidades da Ribeira Sacra nunha contorna internacional.

Así, o foro convértese en centro de debate e catalizador das tendencias de presente e futuro. Un programa de charlas, mesas redondas, catas e actividades que se desenvolve en formato híbrido, é dicir, presencial e virtual. 

Entre os temas que se abordan destacan o relacionado co proceso e situación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, sobre cómo xerar sinerxías entre territorios, sobre experiencias Patrimonio da Humanidade dende a perspectiva dos valores paisaxísticos e patrimoniais, sobre habitar o patrimonio ou sobre territorios rurais.

Máis información aquí