Membros do Equipo de Goberno visitan a carpa informativa sobre reciclaxe de aceite usado

Monforte de Lemos, 16 de novembro de 2022. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé,  visitaron a carpa da campaña informativa sobre a reciclaxe de aceite de cociña usado que o Concello ubicou tanto na Praza de Abastos como na rúa Cardenal ou na zona do novo parque do Barrio do Hospital.

Esta campaña medioambiental posta en marcha polo Equipo de Goberno do Concello está encamiñada a proporcionar información sobre a recollida e reciclaxe aceite de cociña usado, e dirixida a todos os monfortinos e monfortinas.

Baixo o lema Reciclando aceite evitas que se contamine a auga, o obxectivo é informar sobre a necesidade de reciclar axeitadamente o aceite de cociña usado, a través dos contedores que o Concello ten ubicado en distintos puntos da cidade, sendo o fin último aumentar o volume de aceite recollido.

No marco desta campaña informativa, ademais das charlas celebradas en centros educativos de Monforte, hoxe mércores 16 terá lugar unha charla informativa na Casa da Cultura, ás 6 da tarde e dirixida a toda a cidadanía. Nela, farase un reparto de información directa ó cidadán, a través de flyers e tamén se obsequiará os participantes nas diferentes actividades cun funil promocional.

 

Colocación de 6 novos colectores de aceite usado

Mañá xoves 17 de novembro, está previsto que o Concello instale 6 novos contedores urbanos para a recollida de aceite usado, que se engaden ós 14 xa existentes en distintos puntos da cidade.

Os novos contedores están ubicados nas rúas Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Fereiro, Reboredo, Cobas, Corredoira e Chantada.

Estos 6 novos colectores, engádense ós 14 xa existentes, que se ubican na rúa Roberto Baamonde nº 110, rúa Leopoldo Calvo Sotelo nº 65, Barrio da Pínguela xunto á illa de reciclaxe, en rúa Chantada nº 123, en rúa Corredoira na entrada do Hospital, en rúa Escultor Francisco Moure nº 26, en rúa San Pedro nº 41 entrada Instituto Río Cabe, Avenida de Galicia entrada aparcamento de Familia, rúa Ourense esquina rúa Teceláns, rúa Malvaron con rúa Benito Vicetto, Praza de Carude, rúa A Coruña fronte a gasolineira, praza Doutor Goyanes con rúa Hortas e rúa Morín fronte á rúa López Suárez.

O Concello de Monforte leva recollendo aceite usado 15 anos seguidos, dende 2007.

 

Beneficios na reciclaxe de aceite  usado

Cada tonelada de aceite recollida e transformada en biocarburante representa un aforro de 3 toneladas en emisións de Co2 (Segundo estudo de Febreiro 2021 da Asociación EWABA  “European Waste-to-advanced Biofuels Association”). Cando non existe un sistema de reciclaxe doméstica a práctica habitual é verter os aceites usados polo desaugadoiro o cal supón un perigo ambiental dado que cada litro de aceite de cociña usado contamina 1000 litros de auga.

En canto aos beneficios ambientais e económicos derivados de proxectos divulgativos coma o que pon en marcha o Concello de Monforte,  destacamos os seguintes:

  • O biocarburante fabricado a partir de aceites vexetais usados xera un 90% menos de emisións que os carburantes tradicionais de orixe fósil.
  • Redución das avarías por atascos nas redes de rede de sumidoiros.
  • Redución de custos no depurado de augas.
  • Redución de verteduras no medio natural.
  • Redución microorganismos nas redes de rede de sumidoiros derivadas da descomposición dos aceites vexetais.
  • Redución de gases efecto invernadoiro xerados por carburantes tradicionais.
  • Obtención de materia prima sustentable a partir dun residuo.