Este xoves Monforte acolle unha representación teatral dentro do programa do 8M, coa peza Comando Comadres, da compañía Matrioshka

Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2022. Este xoves 17 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha nova cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia de 2022 en Monforte de Lemos.

A obra enmárcase dentro do programa de actos do 8M Día Internacional da Muller, organizado pola Concellería de Muller e Igualdade e o CIM,

A compañía Matrioshka Teatro representa a peza Comando Comadres, baixo a autoría de Lorena Conde, a dirección de Gena Baamonde e interpretada por Chelo do Rejo, Anabel Gago e Lorena Conde.

No mes en que se conmemora o Día Internacional da Muller e a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, e como iniciativa para a normalización do uso do galego en todos os ámbitos, o Concello decidiu a inclusión desta obra no seu calendario de actividades culturais.

Dirixida a público adulto, entrada será gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. A entrada o salón de actos realizarase media hora antes do comezo da obra.

 

Sinopse

A través do humor un grupo de "artivistas" organizadas en diferentes comandos, poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual.

Os Comandos establécense como pequenos grupos de artivistas preparadas para as encomendas máis perigosas: levar a cabo incursións no territorio inimigo para poñer luz sobre a inxustiza e volver airosas da misión.

Son Comandos activos de estratexias impredecibles e irreverentes que van creando unha rede de Comandos Comadres a nivel mundial, centrada na importancia da igualdade de dereitos e deberes sociais entre ambos xéneros tanto no ámbito público coma no privado, dos coidados de ecosistemas sans e equilibrados, así coma dos afectos cos que crear lazos de sororidade e empatía, e coa que rendemos homenaxe a todas as heroínas de a diario, as señoras silenciadas, perseguidas, queimadas, torturadas, os saberes invisibilizados e á historia oculta do noso pasado.