O Alcalde acompañou a máis de 350 participantes do Programa Activa na Chocolatada de Nadal organizada polo Concello para celebrar as Festas

Monforte de Lemos, 22 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou na tarde de hoxe na Chocolatada de Nadal que organizou o Equipo de Goberno dentro das actividades do Programa Activa. O encontro tivo lugar no Espazo Gastronómico da Praza de Abastos a partir das 18.00 horas e contou con máis de 350 participantes, que desfrutaron dunha tarde moi animada con chocolate, churros e bica, e na que non faltou a música.

O rexedor monfortino estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, así como da Coordinadora dos Servizos Sociais do Concello, María Luz Méndez, e traballadoras do servizo.

O Alcalde felicitou as Festas de Nadal a todos os asistentes e animounos a seguir participando desta iniciativa e a aproveitar o completo programa de actividades gratuítas dirixidas especialmente ás persoas maiores de 55 anos, e que se desenvolven no Centro Cívico e nos locais sociais das parroquias. O obxectivo, lembra Tomé, “é favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos adultos maiores. Con este dobre obxectivo organizamos actividades encamiñadas a promover o seu benestar psicosocial e a fomentar a participación social e o encontro interxeracional evitando, en definitiva, o illamento e as situacións de soidade”.

O Programa Activa conta nesta edición 2025-2026 cunha partida orzamentaria de 60.000€, 4.000 máis que na anterior,  para atender á demanda existente, que crece debido ó éxito que ano tras ano ten este programa. Nesta edición ofertáronse máis de 650 prazas.