Monforte de Lemos, 15 de setembro de 2025. A Xunta de Goberno do Concello de Monforte de Lemos aprobou este luns, 15 de setembro, o Plan de Seguridade e Saúde das obras de prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade, con saída á rúa Santiago. O Alcalde, José Tomé, indicou que este trámite da luz verde ao inminente inicio dos traballos, previsto neste mes.
O proxecto de ampliación da rúa Martínez Andrade licitouse o pasado mes de xuño e foi adxudicado á empresa Extraco, Construccións e Proxectos S.A., que será a entidade encargada da execución dos traballos por un importe de 132.190,08€. O prazo de execución ofertado pola adxudicataria é de dous meses.
A prolongación prevista terá unha lonxitude total de 57 metros, cun ancho medio de 12,14 metros e unha superficie de 692 m2. A urbanización do novo tramo suporá a creación de dúas beirarrúas peonís en ambos os lados, de entre 1,20 e 1,50 metros de anchura, aproximadamente, e unha calzada central, de entre 6,90 e 9,30 metros de anchura, na que se situarán 2 carrís, un para cada sentido de circulación, e unha zona de aparcamento en liña nun dos lados, incluíndo a rúa existente.
Así mesmo, procederase a dotar de servizos a todo este tramo de rúa (saneamento, pluviais, abastecemento, iluminación pública, rede de baixa tensión e telecomunicacións). Por iso procederase, en primeiro lugar, á demolición dos peches das parcelas na zona afectada, así como dunha pequena construción agrícola existente nunha delas.
Unha vez terminadas as redes de servizos, procederase á colocación do bordo de formigón, con rigola do mesmo material, en ambos os lados da calzada. Seguidamente colocarase a soleira de formigón, de 15 cm para a posterior colocación das baldosas, tamén de formigón, nas beirarrúas. E por último, o firme de aglomerado asfáltico, en dúas capas de 5 cm a primeira e de 4 cm a última, de rodadura.
Finalizará a actuación co pintado das marcas viarias correspondentes, incluíndo o pintado da rúa existente. Tamén se colocará un sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago, para os vehículos que circulan por esa rúa procedentes da rúa Chantada.
Por último, procederase á construción dos peches das parcelas afectadas, así como á colocación das portas de acceso a cada unha delas.
O Alcalde, José Tomé, destacou que a ampliación deste vial forma parte do programa de mellora das infraestruturas da cidade: “É un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, e que supón seguir mellorando a trama viaria urbana de Monforte” subliñou. Ademais, engadiu, “despois de moitos anos, este Equipo de Goberno conseguimos eliminar outro tapón urbanístico, rematando a urbanización da rúa Roberto Martínez Andrade, igual que fixemos en Rof Codina”, concluiu o Alcalde.