Monforte de Lemos, 26 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia o inminente inicio dos traballos de urbanización da ‘Zona D’, un espazo de máis de 3.200 m2 situado entre a céntrica rúa Cardenal e o río Cabe. O proxecto licitouse o pasado mes de xuño e foi adxudicado á empresa Extraco S.A. por un importe de 420.495,57€.
A zona na que se vai actuar ten forma de rectángulo recortado e inclúe os terreos que están ubicados entre o paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da Avenida de Galicia e do Cardenal (BBVA e supermercado) e unha pequena parte do Parque dos Condes que se corresponde co muro de peche e a pérgola.
José Tomé recorda que no ano 2000, a Corporación municipal naquel momento aprobou con carácter definitivo unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento baixo a modalidade de Sistema de Compensación, de xeito que a urbanización corresponderíalle aos propietarios a urbanización, cousa que, 25 anos despois, non se produciu.
“Diante desta situación e logo da experiencia positiva da ‘Zona C’, dende o Equipo de Goberno, decidimos tomar a iniciativa e propuxemos ao Pleno do Concello o cambio do Sistema de Compensación polo Sistema de Cooperación, onde a iniciativa xa lle corresponde ao Concello”, explica o rexedor monfortino.
Esta proposta aprobouse no Pleno o 29 de novembro de 2021, con 11 votos a favor do PSOE e 6 abstencións dos concelleiros do PP, BNG e Esperta Monforte, sen que no período de exposición pública se produciran alegacións. Con posterioridade levouse a cabo a reparcelación e licitación do proxecto de urbanización que comezará a executarse a próxima semana.
Ademais da urbanización do espazo, as obras inclúen a dotación de servizos e conexión con redes do sistema xeral da rúa Cardenal. Concretamente, instalacións de saneamento de residuais e pluviais, abastecemento de auga, enerxía, alumeado, telecomunicacións e gas. O proxecto complétase coa pavimentación, xardinería e mobiliario.
O Alcalde avanza que as obras teñen un prazo de execución de 8 meses, “polo que esperamos que estean rematadas en maio do próximo ano 2026”.
A nova Zona D mellorará o urbanismo do centro da cidade
Os terreos correspondentes á denominada Zona D están ubicados entre o paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da avenida de Galicia e da rúa Cardenal e inclúen a pérgola do Parque dos Condes. A superficie total ascende a 3.274 m2, pertencentes a 35 propietarios ou herdeiros, incluída unha comunidade de garaxe. Concretamente, trátase de 1.932 metros de solo privado e 1.342 metros de terreo público.
O Alcalde destaca que “ao igual que pasou na rúa Rof Codina, tamén chamada Zona C, o proxecto da Zona D vai permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza, abrindo un novo vial que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Cabe. Así mesmo, vai xerar novas parcelas edificables con baixo impacto e tamén unha pequena zona verde, que mellorará e poñerá en valor esa zona que se proxecta cara o monumento da Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios. Estamos convencidos de que na Zona D ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”.
Neste senso, o rexedor remarca que o desenvolvemento deste proxecto “é un paso máis no meu compromiso de mellorar o urbanismo da cidade, neste caso creando un novo espazo urbano nunha zona emblemática da cidade, como é entorno do Cardenal e o Parque dos Condes”.
Planos de reparcelación
Os planos de reparcelación amosan como quedará a zona edificable e o que se gaña para uso público, tanto en viais como en zonas verdes. Cando a urbanización da Zona D estea rematada o reparto dos novos terreos será o seguinte:
- Zonas verdes: 541 m2.
- Viais: 1.550 m2.
- Edificables: 1.182,95 m2 dos cales 1.126 m2 poden dar lugar a baixos e 3.958 m2 a uso de vivenda.
- As alturas modificables serán de baixo + 3 na zona que linda co BBVA e de baixo + 1 na zona que linda co Paseo do Río Cabe.
O Alcalde lembra que no informe e na licencia do edificio do BBVA do ano 1969, establecíase obriga de deixar unha franxa de 3,5 metros de ancho paralela ao muro de peche dos Escolapios ata o río Cabe, feito que os promotores do edificio non cumpriron, dado que solo se fixo para o acceso ao garaxe.
Esta reserva de terreo debeuse a que xa no ano 1969 había previsión de facer unha rúa con 7 metros de anchura, aportando outros 3,5 metros da horta dos Escolapios. Na modificación das Normas Subsidiarias do 2000, tal e como figura no plano, prevese unha rúa de 12 metros que inclúe unha rotonda nas proximidades do río.