O Alcalde anuncia a licitación da reforma e ampliación do edificio municipal da rúa Duquesa

Monforte de Lemos, 18 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia a licitación do contrato para a realización das obras de Reforma e Ampliación da edificación municipal localizada na rúa Duquesa de Alba, número 13, por un importe de 120.995,57 € e un prazo de execución de 4 meses.

O inmoble, situado nunha parcela de 620 m2, é propiedade do Concello de Monforte e está destinado na actualidade a diferentes servizos e locais da Administración municipal, dotado con almacéns, vestiarios e zonas de aseo moi empregadas polos traballadores. En concreto, alberga unha oficina e almacén de Protección Civil, locais do persoal de obras, medio ambiente e electricistas, ademais de diversos almacéns para todo tipo de material, aseos e un garaxe para vehículos municipais. Todo elo distribuído nunha edificación con planta baixa e entreplanta moi utilizada polos traballadores municipais

As actuacións proxectadas, destaca o rexedor, “teñen por obxectivo conseguir unhas instalacións novas, mais seguras e confortables para os nosos traballadores, e que permitirán mellorar a planificación e orde na prestación dos diferentes servizos, fronte a situación actual do edificio, que se atopa moi deteriorado”.

O proceso para contratar a execución destas obras está xa aberto e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 13 de outubro de 2025. A primeira mesa de contratación reunirase o día 15 dese mesmo mes, ás 9.00 horas, e a segunda unha semana despois, o día 22, ás 9.30 horas.

Instalacións novas

A intervención proxectada ten como obxectivo acondicionar o inmoble para conseguir instalacións novas que melloren a accesibilidade, funcionalidade e confortabilidade. Con este fin, o proxecto recolle diferentes actuacións.

Por un lado, contempla a ampliación da nave na parte posterior da edificación, o lixado e pintado da estrutura metálica existente, pintura epoxi no piso da nave e da zona ampliada, pintado de liñas de aparcamento e símbolos, execución dunha nova escaleira no local de electricidade, reposición da carpintería de alumnio sen RPT, colocación de porta de aceiro, realización de armario e recolocación da porta existente.

Os traballos previstos contemplan tamén o esmaltado das portas en superficies metálicas e de madeira, colocación de barandilla de aluminio e aceiro inoxidable, así como de falso teito suspendido ou desmontable, solado de gres ou tarima, entablado de madeira de castiñeiro, pintado en paredes e teitos e outras reparacións, ademais de limpeza de todo o edificio e colocación de mobiliario.

A reforma inclúe tamén a instalación de paneles solares fotovoltaicos e un punto de recarga para vehículos eléctricos.

Esta actuación, subliña o Alcalde, “suporá unha mellora significativa nun edificio moi utilizado por operarios municipais, que a partir da reforma poderán desenvolver o seu servizo con maior calidade”.