O Alcalde anuncia o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias ao Sergas, que será efectivo o 1 de xaneiro de 2026

Monforte de Lemos, 9 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) ou Instituto Municipal de Drogodependencias, ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), segundo o acordo da Comisión Mixta Xunta-Fegamp. A medida someterase á aprobación do Pleno da Corporación nunha sesión extraordinaria que terá lugar mañá mércores, 10 de decembro, ás 20.00 horas, no Concello de Monforte. O acordo plenario é un dos requisitos necesarios para formalizar o traspaso dos servizos e medios persoais e materiais prestados pola UAD ao Sergas.

Este traspaso resolve unha demanda histórica de trece municipios galegos, concretamente os de Monforte de Lemos, Burela, Cangas, Carballo, Vigo, Noia, O Grove, Ourense, Pontevedra, Porriño, Ribeira, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa, que prestaban atención no ámbito da asistencia as drogodependencias, sendo esta materia sanitaria competencia da Xunta de Galicia.

No caso de Monforte, esta unidade de titularidade municipal presta atención tamén a outros concellos do sur da provincia e mesmo da provincia de Ourense. Concretamente, na provincia de Lugo son os municipios de Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Pantón (agás Pombeiro e Atán que pertencen á UAD de Ourense), A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e as parroquias de Castelo, Cuvela e Noceda do Concello de O Inicio.

Na provincia de Ourense: O Barco, O Bolo, Carballeda (agás as parroquias de Temes, Oleiros e San Xoán da Coba que pertencen á UAD de Ourense), Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e A Veiga.

 

Continuidade e estabilidade do servizo

O Alcalde, José Tomé, explica que a integración no Sergas da UAD “asegura a continuidade e estabilidade do servizo” e recorda que esta adscrición é froito de intensas negociacións entre a a Fegamp en representación dos concellos e a Xunta, xa que é a Consellería de Sanidade a que ten as competencias en todas as materias do ámbito da saúde”.

A proposta que se somete a votación contempla o traspaso tanto dos servizos que presta actualmente esta unidade asistencial, como dos medios persoais e do equipamento. No caso do Concello de Monforte, a UAD conta con catro traballadores que son persoal laboral fixo (directora-enfermeira, educadora, traballadora social e un auxiliar administrativo) e unha psicóloga interina. O traspaso inclúe tamén os postos de traballo vacantes, que son tres: psiquiatra, monitor de tempo libre e psicóloga.

No referente ao inmoble no que se atopan as instalacións da UAD, na Praza da Estación, o local é propiedade de ADIF e foi alugado polo Concello de Monforte. Neste caso, o traspaso inclúe tamén a cesión do contrato de arrendamento asinado en xaneiro de 2017, sendo o Sergas o encargado das xestións co ADIF.