O Alcalde de Monforte condena o ataque vandálico ao edificio de Prodeme esta madrugada

Monforte de Lemos, 20 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, condenou na mañá deste sábado, 20 de setembro, o ataque ao edificio da Asociación Prodeme, no barrio do Malvarón, con dous cócteles molotov producido de madrugada.

O ataque a este inmoble prodúcese xusto unha semana despois de que a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia anunciase a creación neste inmoble do primeiro centro específico para menores migrantes, dotado con 80 plazas. “Condenamos taxantemente os actos vandálicos acontecidos no edificio, que mesmo semellan un atentado. Unha sociedade pacífica como a monfortina non pode nin debe admitir actos como este”, indicou o rexedor.

Así mesmo, o Alcalde ven de convocar unha xunta de voceiros o luns 22 de setembro, ás 9.00 horas, para analizar a situación conxuntamente con todos os grupos políticos da corporación municipal “e plantexar un rexeitamento unánime de todos concelleiros diante dos feitos tan graves que se veñen de producir”, indicou Tomé.

O Alcalde recibiu a chamada da Policía Local de Monforte ás 3.11 horas da madrugada na que se lle informaba do incidente no edificio e de que o incendio provocado polos cócteles molotov estaba controlado, facéndose cargo a Policía Nacional da investigación dos feitos.

Dous artefactos

O ataque produciuse con dous artefactos. Un deles entrou no comedor da planta baixa por unha ventá previamente forzada e o outro quedou fora do edificio. O que quedou no interior do inmoble estalou enriba dun sofá provocando o lume.

A alta temperatura acadada na estancia derreteu a instalación eléctrica, danando tamén as cortinas, persianas e material sintético que había na sala. Así mesmo, o fume ascendeu pola escaleira cara o resto do edificio sen provocar danos, que se concentran no comedor.

A Policía Nacional xa se fixo cargo da investigación e conta con imaxes de cámaras nas que se visualiza a varias persoas no exterior, e que serán analizadas para proceder á identificación dos autores deste acto vandálico. Tamén se analizan mensaxes que circularon previamente nas redes sociais nas que se indicaba que “esto arránxase con gasolina”.

“E así o trataron de facer”, lamenta o Alcalde, José Tomé, que esta mesma mañá visitou o edificio para comprobar os danos e poñerse en contacto co xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, para comentar os feitos e amosar a solidariedade do Concello poñéndose a súa disposición. O rexedor mantivo unha conversa tamén co inspector xefe da Policía Nacional, ofrecendo a colaboración a través da Policía Local no esclarecemento dos feitos “para dar cos responsables e que a xustiza caia sobre eles”.