Monforte de Lemos, 19 de agosto de 2025. O Alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón e o Concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, inaugurou onte ás 8 da tarde na Casa da Cultura a exposición do pintor Xoán Guerreiro, que permanecerá aberta para todos os públicos ata o mércores 10 de setembro de 2025.
A mostra, que ten como tema central o ferrocarril, está composta por 14 cadros cuxos motivos principais son as estacións e os trens e que tal e como explicou o comisario da exposición, D. Edgar Cloos, é un dos tres temas recurrentes deste autor, xunto co mar, coas súas diferentes presentacións e a paisaxe urbana, que sempre está exenta de figuras humanas.
O Alcalde destacou a importancia de acoller esta exposición en Monforte polo prestixio, recoñecemento e importancia de Xoan Guerreiro pero ademais quixo remarcar que esta é a cidade acertada para esta exposición, pola vinculación de Monforte co tren dende sempre.
“Como explico en moitas ocasións - continuou a dicir José Tomé - Monforte de Lemos foi declarada cidade en 1885 por un decreto real, outorgado polo rei Alfonso XII, en recoñecemento ó seu crecemento e desenvolvemento, especialmente no ámbito ferroviario.
“Este recoñecemento chegou despois de que o monarca inaugurara a liña de ferrocarril entre Madrid e A Coruña, que tiña a Monforte como nodo principal e dende ese momento, o tren definiu o desenvolvemento urbano da nosa cidade, moldeando a súa estrutura socioeconómica que significou unha revolución no transporte e industria, facilitando o comercio e acelerando o desenvolvemento industrial”.
“O tren, como digo nas palabras que me pediron que escribira para o libreto de exposición, é moito mais cun vehículo ou un transporte, é un símbolo de viaxe, de cambios, de recordos, de despedidas e tamén de descubrimentos, por esta razón, permite ser utilizado polos artistas como significado de emoción, como símbolo de viaxe e como metáfora do paso do tempo tal e como transmite Xoán Guerreiro nas súas 14 obras que se expoñen na casa da cultura”.
“As obras que se expoñen hoxe na nosa cidade, seguro que transmitirán emocións diferentes a cada un de nós, porque o coidado e detalle que recolle Guerreiro nas súas obras, seguro nos transportará ás nosas propias lembranzas dos viaxes que fixemos e ás sensacións que tivemos nesas viaxes.
“Por iso invito a todos os presentes e a todos os monfortinos que non están aquí neste momento, a descubrir esta exposición e a deixarse atrapar polas lembranzas e as sensacións que lles transmitan cada unha das obras que temos o pracer de poder desfrutar en Monforte.
Para finalizar a súa intervención, o Alcalde quixo agradecer a Xoán Guerreiro e a D. Edgar Cloos a elección de Monforte para facer esta exposición, e a todos os asistentes á inauguración da exposición.
Xoán Manuel Guerreiro Vázquez, Nace en Xove (Lugo) no ano 1.956. Nos anos 1.992/93/94 obtén a beca de pintura 'Valdearte'. O Barco de Valdeorras (Ourense) e é seleccionado nos anos 1.991/93/95 na Mostra Unión Fenosa, gañando o primeiro premio de pintura “LUGONOVA 90” e quedando finalista do concurso de ilustración de libros de contos ESPASA-CALPE no ano 1.990.
Participa na I y II MOSTRA DE DEBUXO E GRABADO no Barco de Valdeorras nos anos 1.996/98 (Oursense). Ademais realiza outros traballos de ilustración dos libros 'A fonde da vida longa', 'Tralas portas do rostro' e 'Niguén chorou por nós', premio de teatro Rafael Dieste.
É o autor dos Murales da iglexa de San Bartolomé de Xove (Lugo) e Homenaxe a Luís Seoane e tamén o autor do deseño das carátulas dos discos 'Rosas de luz' (Xocaloma) e 'Agardando que pase algo' (Fía Na Roca).
Na traxectoria vital de Xoán Guereiro, tal e como remarcou Edgar Cloos, é fundamental a súa dona, Rosa, que foi quen de convencer ó artista de deixar o seu traballo en Alúmina para dedicarse plenamente á pintura o que supuxo unha fase fundamental na súa evolución profesional ata chegar ata este momento no que está considerado xunto con Roberto González, Xurxo Martiño e Quintana Martelo, os 4 pintores figurativos galegos mais importantes do panorama artístico da actualidade.