O Alcalde informa da apertura do prazo para solicitar un posto de venda no Mercado de Nadal 2025

Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2025.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da aprobación hoxe, en Xunta de Goberno, das bases da convocatoria para a inscrición, admisión e selección dos participantes no Mercado de Nadal 2025, que terá lugar na Praza de Abastos de Monforte durante a fin de semana dos días 20 e 21 de decembro.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá martes, 11 de novembro, ata o 10 de decembro. As persoas interesadas poderán presentar o formulario no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos (Campo San Antonio, S/N), na sede electrónica  ou ben  por correo electrónico no enderezo emprego_pe@concellodemonforte.com.

O Alcalde lembra que o Mercado de Nadal “é unha iniciativa de apoio e impulso ao sector artesanal e comercial da localidade e tamén unha oportunidade para que as empresas dean a coñecer os seus produtos”. Nesta liña, engade, “a campaña de Nadal na Praza de Abastos ten como obxectivo principal fomentar as compras propias destas datas nas tendas da nosa localidade, apoiando así o noso comercio de proximidade”.

Co fin de dinamizar o comercio local e de crear un espazo de ocio para todos os públicos, “o mercado combinarase con diversas actividades culturais e musicais de entretemento nun ambiente cargado de espírito navideño, tal e como se ven facendo nos últimos anos”, destaca o rexedor. O programa completo de actividades darase a coñecer en vindeiras datas.

 

16 postos de venda

O Mercado de Nadal contará cun máximo de 16 postos de venda, dispoñibles a efectos desta convocatoria os días 20 e 21 de decembro. Tal e como recollen as bases aprobadas, poderán presentar solicitude de participación os profesionais legalmente constituídos que acrediten o desenvolvemento dunha actividade económica relacionada coa temática deste mercado. Terán cabida, polo tanto, artesáns, produtores e comerciantes que vendan produtos, creacións ou elaboracións propias do Nadal, como agasallos, xoguetería, complementos e alimentación, entre outros.

O prezo de cada posto de venda será de 6 €/stand/m2/día. Dito importe deberá ser aboado mediante documento de autoliquidación que deberá ser pagado unha vez sexan admitidos. Dito documento será facilitado nas propias dependencias do Concello, ou ben será remitido por correo ou correo electrónico a petición do interesado. As bases completas da convocatoria poden consultarse na páxina web do Concello.

 

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

- Modelo de solicitude, debidamente cumprimentada

- Fotocopia D.N.I. do solicitante ou N.I.F. da empresa

- Fotocopia de estar dado de alta no Imposto de actividades económicas (Vixente)

- Copia do último recibo de pago da cota de autónomos ou correspondente réxime da seguridade social

- Memoria explicativa da empresa e fotografías recentes dos produtos a vender

 

 Bases Mercado Nadal na praza 2025

 SOLICITUDE Monforte Mercado Nadal 25