Monforte de Lemos, 17 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na mañá de hoxe a mesa de seguridade do San Mateo, na que se perfilou o dispositivo organizativo da tradicional romaría, que terá lugar este domingo, 21 de setembro, na parroquia de A Parte.
Na xuntanza, o Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada; o inspector da Policía Local, Miguel Martínez; o xefe de bombeiros, Tomás Losada, e o xefe de Axentes da Cidadanía do Concello, Manuel Fernández.
O obxectivo, destaca o Alcalde, “é que a romaría e festa se celebren coa maior tranquilidade e seguridade posibles, e para iso dende o Concello coordinamos un dispositivo no que contamos coa colaboración dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ademais de persoal municipal e da Policía Local”.
Así, no dispositivo deseñado desde o Concello participarán, coordinados pola Policía Local, outros Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, así como efectivos de Protección Civil e persoal colaborador municipal de Servizos á Cidadanía. Tamén inclúe una ambulancia, por se fose preciso atender a algunha persoa.
O Concello colabora con este evento festivo cunha aportación económica igual á do resto das parroquias do municipio, así como a dotación de proxectores de luz e un xerador de corrente para o desenvolvemento da festa, e varios contedores no recinto da festa para que a xente poida depositar neles os residuos xerados durante a celebración da romaría.
O dispositivo
A parroquia de A Parte acollerá numerosos visitantes e, por ese motivo, na xuntanza acordouse establecer un único sentido de circulación na estrada de acceso ó campo da festa, con entrada desde Ribas Altas pola antiga estrada de Lugo, seguindo pola parroquia de Valverde, para saír posteriormente pola estrada do canal de regadío ata Reigada e Monforte pola rúa Juan Montes.
Tamén se poderá circular polas pistas da concentración parcelaria da zona en dirección a Ribas Pequenas e Bóveda.
Esta disposición do tráfico comezará ás 10.00 horas e estará vixente ata as doce da noite do domingo día 21. No caso de que a afluencia de vehículos o requira, prolongarase o tempo necesario durante a madrugada do luns 22.
O estacionamento só estará permitido nos espazos habilitados para elo, de tal xeito que non se poderá aparcar en toda a pista que da acceso á zona da festa.
A zona estará sinalizada e haberá un control de tráfico permanente.
Axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e persoal do Concello no campo da festa
O dispositivo de seguridade estará dirixido pola Policía Local, que contará coa colaboración da Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico.
Os axentes da Garda Civil vixiarán as saídas e as entradas ao lugar da romaría. Ademais, a Policía Local velará pola seguridade do recinto da festa e dos seus arredores; tamén haberá efectivos da Policía Nacional. Neste senso, durante toda a xornada haberá unha patrulla tanto da Policía Nacional como da Policía Local permanentemente no espazo do evento.
Polo que respecta á noite previa á celebración da romaría haberá unha patrulla da Policía Nacional con presencia reiterada na zona.
Todos estes axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado presentes na festa, contarán coa colaboración do persoal de Servizos á Cidadanía do Concello de Monforte.
Esta Romaría do San Mateo, é a última das actividades do Concello de Monforte incluídas dentro do programa do Verán Cultural.