
Monforte de Lemos, 20 de novembro de 2025. O Concello de Monforte de Lemos pon en marcha un circuíto de obradoiros de cociña de outono en formato ‘showcooking’, que se desenvolverán en diversos locais das parroquias do municipio cos produtos de outono como protagonistas. Os primeiros terán lugar este venres e sábado, de 19.00 a 21.00 horas, en Santa Mariña e A Penela, respectivamente.
Con esta actividade, financiada polo Concello de Monforte e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o Equipo de Goberno busca dinamizar o rural creando espazos de encontro veciñal, neste caso a través do uso dos locais sociais, e impulsando actividades de interese e posta en valor dos recursos do territorio e da nosa riqueza gastronómica.
Durante seis xornadas, que se celebrarán en seis días diferentes e en distintos locais sociais do Concello, un chef profesional impartirá obradoiros de cociña nos que se elaborarán receitas con produtos do outono: cogomelos, castañas, produtos locais e outros sabores do bosque. Os asistentes poderán atender as explicacións do chef, que amosará diferentes elaboracións e técnicas culinarias en directo. Ao remate, degustaranse as tapas elaboradas.
O acceso a estes obradoiros é gratuíto, con 25 prazas dispoñibles en cada un deles. As persoas interesadas deberán anotarse o mesmo día da actividade no propio local social, e a inscrición realizarase por orde de chegada ata completar o aforo.
Os locais sociais participantes nesta programación son: Santa Mariña, Seoane, A Penela, Distriz, Chao do Fabeiro e Sindrán.
Todos os obradoiros desenvolverase de 19.00 a 21.00 horas. As datas e localizacións son as seguintes:
21/11/2025 – SANTA MARIÑA
22/11/2025 – A PENELA
27/11/2025 – CHAO DO FABEIRO
28/11/2025 – SEOANE
04/12/2025 – DISTRIZ
05/12/2025 – SINDRÁN.
Para máis información, pódese contactar co Concello de Monforte de Lemos nos télefonos: 982884775/982402501.