Santa Mariña e A Penela acolleron as primeiras xornadas dos obradoiros de cociña de outono que organiza o Concello nas parroquias

Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2025. As parroquias de Santa Mariña e A Penela acolleron este fin de semana as primeiras xornadas do circuíto de obradoiros de cociña de outono que percorrerá diversos locais das parroquias do municipio e que ten os produtos de outono como protagonistas. O Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, asistiu a ambos obradoiros, impartidos por un chef profesional en formato ‘showcooking’.

Con esta actividade, financiada polo Concello de Monforte e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o Equipo de Goberno busca dinamizar o rural creando espazos de encontro veciñal e impulsando actividades de interese e posta en valor dos recursos do territorio e da nosa riqueza gastronómica.

Durante seis xornadas, que se celebran en seis días diferentes e en distintos locais sociais do Concello, un chef profesional amosa en directo diferentes técnicas de elaboración de receitas con produtos do outono: cogomelos, castañas, produtos locais e outros sabores do bosque, que se degustan ao remate da sesión.

O acceso a estes obradoiros é gratuíto, con 25 prazas dispoñibles en cada un deles.  As persoas interesadas teñen que anotarse o mesmo día da actividade no propio local social e a inscrición realizarase por orde de chegada ata completar o aforo.

Os locais sociais participantes nesta programación son: Santa Mariña, Seoane, A Penela, Distriz, Chao do Fabeiro e Sindrán. Os horarios son sempre os mesmos, de 19.00 a 21.00 horas.

As datas e localizacións das vindeiras citas son as seguintes:

27/11/2025 – CHAO DO FABEIRO

28/11/2025 – SEOANE

04/12/2025 – DISTRIZ

05/12/2025 – SINDRÁN

Para máis información, pódese contactar co Concello de Monforte de Lemos nos números de télefono: 982884775/982402501.