Aberto o prazo de solicitude das axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias de Monforte neste 2026

Monforte de Lemos, 17 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da apertura da convocatoria de subvencións do Concello de Monforte para a celebración de Festas de Barrios e Parroquias no exercicio 2026. Logo da publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo deste martes, 16 de xuño, o prazo para presentar as solicitudes está aberto desde hoxe mércores ata o 30 de outubro de 2026.

A contía global destinada a estas axudas ascende a 25.000€, coa intención de potenciar a celebración de festas populares de carácter tradicional nos barrios e parroquias do Concello de Monforte. O importe de cada subvención non poderá superar os 1.000€ por anualidade e barrio ou parroquia e, en todo caso, a achega será proporcional ao numero de solicitudes presentadas e aceptadas. 

Para ser beneficiario destas axudas, entre outros requisitos que figuran nas bases reguladoras, é preciso ter autorización concedida polo Concello de Monforte para a celebración da festa. As bases completas poden consultarse na páxina web do Concello.

 

Solicitude e documentación a achegar

Co modelo de solicitude normalizado, deberá achegarse a seguinte documentación:

  1. CIF no caso de persoas xurídicas e NIF no caso de persoas físicas. No caso de que se trate dunha agrupación de persoas ou comisión de festas deberán facer constar o nome de todos os membros e acompañarán o DNI de cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
  2. Memoria explicativa detallada do programa de actividades realizado ou que se pretende realizar, con especificación da data, lugar de realización, responsables do desenvolvemento da actividade, obxectivo e fins concretos a que se destinarán os fondos.
  3. Datos bancarios da conta á que se poderá transferir o importe da subvención, debidamente certificada pola entidade bancaria. Según ANEXO IV de Rexistro de Terceiros.
  4. Declaración responsable da entidade ou agrupación solicitante no que consten as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, comprometéndose a comunicarlle ó Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados.
  5. Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario.
  6. Declaración responsable de non ser debedor á Facenda Estatal e Autonómica, nin á Seguridade Social.
  7. Calquera outro documento que  se considere de interese para a mellor avaliación da subvención.

 

A instancia coa restante documentación solicitando a subvención, presentarase no Rexistro Xeral do Concello, Campo de San Antonio s/n, CP 27400, Monforte de Lemos, Lugo ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

 

 Bases 2026

 Anexos 2026