O Concello abre este mércores, 16 de setembro, o prazo de inscrición no Programa Activa, con 741 prazas en actividades de envellecemento activo e interxeracionais

Monforte de Lemos, 15 de setembro de 2026. O Concello de Monforte abre mañá mércores, 16 de setembro, o prazo de inscrición nas actividades do Programa Activa 2026-2027, unha iniciativa que promove o envellecemento activo, a autonomía persoal, o benestar e a participación social das persoas maiores do municipio.

Esta nova edición, presentada polo Alcalde José Tomé o pasado 4 de setembro en rolda de prensa, oferta un total de 741 prazas en actividades dirixidas especificamente a persoas a partir de 55 anos e propostas interxeracionais nas que poden inscribirse veciños e veciñas desde os 14 anos.

O programa desenvolverase no Centro Cívico-Social (Paseo do Malecón s/n) e nos locais sociais das parroquias durante nove meses, desde o 19 de outubro de 2026 ata o 11 de xuño de 2027.

 

Prazo de inscrición

O prazo ordinario de inscrición permanecerá aberto desde mañá mércores 16 ata o 30 de setembro de 2026, ambos incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante o formulario correspondente no Rexistro dos Servizos Sociais, no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello de Monforte. Os formularios poden descargarse na páxina web municipal desde o propio mércores 16. Ademais, habilitarase un punto de información nas oficinas de Servizos Sociais, no Paseo do Malecón s/n.

Con carácter xeral, cada persoa poderá participar nunha actividade no Centro Cívico-Social, co obxectivo de facilitar unha distribución máis equilibrada das prazas e permitir que un maior número de persoas poida acceder ao programa. No caso de quedar inicialmente en lista de agarda e obter posteriormente praza noutra actividade durante o período extraordinario, a persoa pasará a participar na nova actividade e deixará de formar parte da lista de agarda anterior.

Se o número de solicitudes supera o de prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase mediante sorteo público.

 

741 prazas e máis actividades

Nesta nova edición, correspondente ao período 2026-2027, o Programa Activa oferta 741 prazas, das que 714 son ordinarias e 27 adicionais, estas últimas reservadas para persoas usuarias dos Servizos Sociais municipais, segundo a valoración dos profesionais e os seus correspondentes plans de intervención.

Na presentación do programa, o Alcalde José Tomé explicou que estas prazas adicionais forman parte das medidas de acción positiva destinadas a facilitar a participación de persoas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade social. Así mesmo, mantéñense prazas reservadas para persoas con discapacidade.

No que se refire á oferta de actividades, este ano incorpórase unha nova proposta, CuidArte, pensada para traballar o benestar físico, emocional e social das persoas maiores e, especialmente, daquelas que tamén desenvolven tarefas de coidado. A actividade, explicou o Alcalde, “ofrece ferramentas para afrontar o día a día porque coidar das demais persoas tamén implica aprender a coidarse a un mesmo”.

A incorporación desta actividade suma 10 novas prazas na oferta do Centro Cívico-Social respecto da edición anterior, ás que se suman as 27 prazas adicionais, contribuíndo así ao incremento global da oferta nun total de 37 prazas máis dispoñibles respecto á edición anterior.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

No Centro Cívico-Social ofértanse un total de 446 prazas en 27 grupos nas seguintes actividades:

     Dirixidas a persoas a partir de 55 anos:

• Ximnasia de mantemento

• Taichi

• Ioga

• Ximnasia acuática

• Conservando a memoria

• CuidArte

• Competencias dixitais con tres niveis: iniciación, intermedio e avanzado

• Informática básica

 

Interxeracionais dirixidas a persoas a partir de 14 anos:

• Cerámica

• Manualidades

• Costura en dous niveis: básica e creativa

• Bailes de salón

• Bailes latinos

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Oferta nas parroquias

O Programa Activa non se limita só ao núcleo urbano de Monforte, senón que achega actividades ás parroquias, en función da demanda existente e das solicitudes realizadas a  través dos representantes, pedáneos ou asociacións. Neste caso, estímase unha participación de arredor de 268 prazas tendo en conta os datos da edición anterior.

Neste caso, poderán desenvolverse actividades como Conservando a memoria, Manualidades, Costura creativa e básica, Ximnasia de mantemento e Bailes de salón ou Bailes latinos, segundo as necesidades e solicitudes de cada zona.

 

Actividades totalmente gratuítas

Tal e como explicara o Alcalde na presentación desta nova edición, todas as actividades do Programa Activa son totalmente gratuítas para as persoas participantes, xa que están financiadas integramente polo Concello de Monforte de Lemos tendo en conta, ademais, que nesta edición o investimento aumenta en 5.000 euros ata alcanzar os 65.000 euros.

 

Un modelo de envellecemento activo, participativo e inclusivo

O Alcalde José Tomé anima á cidadanía de Monforte a participar neste programa, tanto ás persoas maiores de 55 anos como á xente nova a través das actividades interxeracionais. O Programa Activa, indica, “é moito máis ca un programa de actividades, é unha ferramenta para facer comunidade, crear vínculos e previr a soidade non desexada e o illamento social. Porque sabemos que a soidade non desexada pode ter consecuencias negativas sobre o benestar das persoas”.

Neste senso, o rexedor lembra que esta iniciativa foi una proposta impulsada polo seu Equipo de Goberno no 2016 trala súa chegada á Alcaldía, nunha aposta por un modelo de envellecemento activo, participativo e inclusivo, no que as políticas sociais deben combinar a atención ás necesidades das persoas coa prevención, a promoción da autonomía e a creación de redes de apoio”.

 

DIPTICOS ACTIVIDADES EN CENTRO CÍVICO 2026-2027

DIPTICO ACTIVIDADES EN PARROQUIAS 2026-2027

Inscripción programa ACTIVA PARROQUIAS.pdf

Solicitud e Programa activa.pdf