O Concello de Monforte conmemora o Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBIQ+ que se celebra este domingo, 28 de xuño.

Monforte de Lemos, 25 de xuño de 2026. O Concello de Monforte súmase ós actos de celebración do Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBIQ+ - Día do Orgullo que se conmemora oficialmente este domingo, día 28 de xuño, en todo o mundo.

Deste xeito, e tal como se veu facendo polo Equipo de Goberno do Concello en pasadas edicións, o pasado martes, día 23, procedeuse a colocar nos balcóns da Casa Consistorial a bandeira arco iris, que é símbolo de liberdade, diversidade e dereitos e que representa a todas as persoas que durante décadas loitaron para que hoxe a sociedade sexa mais xusta.

Ademáis desta iniciativa, levarase a pleno o próximo luns 29 de xuño unha Declaración Institucional co motivo do Día Internacional do Orgullo, como reafirmación do compromiso institucional do Concello de Monforte coa igualdade efectiva e o respecto á diversidade afectivo-sexual.

As bandeiras permanecerán penduradas ata o martes 30 de xuño, tal e como se veu facendo todos estes anos en que se conmemorou dende o Concello monfortino.

Con este sinxelo xesto, pero cun valor e un significado moi grande, o Concello de Monforte quere representar o seu compromiso pola igualdade, a liberdade e a diversidade e o seu rexeitamento ás discriminacións dirixidas a calquera persoa pola súa condición sexual. Monforte, como cidade aberta, diversa e respectuosa súmase á reivindicación dos dereitos LGTBIQ+, reafirmando o seu compromiso contra calquera tipo de discriminación e lanzando a mensaxe clara de que “no noso concello non ten cabida a LGTBIfobia, sendo unha obriga de todas as institucións a defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+”.

Neste senso, o Equipo de Goberno do Concello considera fundamental afondar na educación da cidadanía sobre diversidade sexual, a través de programas de concienciación e sensibilización que acheguen información á veciñanza e de actos simbólicos coma este que vimos de anunciar.