
Monforte de Lemos, 6 de agosto de 2026. O Alcalde José Tomé Roca quere comunicar a toda a veciñanza a súa ledicia por “unha gran noticia para Monforte”, logo de entrar hoxe mesmo por Sede Electrónica a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a construción da Nova Ponte do Malecón. “O Concello xa ten todos os permisos sectoriais para a Ponte”, anuncia o rexedor, o que significa que a Ponte é totalmente legal.
“A Ponte Vella xa ten máis cerca ser peonil, un proxecto que este Alcalde quere levar a cabo con determinación e que ningún Alcalde anterior atreveuse a facer, pero agora si”, apunta o mandatario local.
Así mesmo, José Tomé destaca que “a nova Ponte vai respectar o entorno do Malecón, mantendo a zona verde, mantendo as árbores de ribeira do río Cabe como están agora e que vai mellorar moito as comunicacións entre o Malecón e a zona do Hospital, reducindo o tráfico de vehículos na rúa Hortas e no centro da cidade”.
Sen dúbida, afirma o Alcalde, “a nova Ponte vai ser espectacular, unha ponte de cidade e que recupera parte da nosa historia, reproducindo a Ponte de Ferro que había no lugar actual da Ponte nova na avenida de Galicia”.
Trala autorización definitiva por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia recibida o pasado mes de xullo so restaba a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A resolución entrou por Sede Electrónica esta mesma mañá, dando luz verde á construción da Ponte de Ferro sobre o río Cabe. Esta nova infraestrutura, que conectará as rúas Santa Clara e Corredoira co Paseo do Malecón, permitirá dar cumprimento a unha demanda histórica da cidade de Monforte: a peonalización da Ponte Medieval e que este Alcalde quere que sexa unha realidade.
Na súa resolución, a Confederación Hidrográfica conclúe, entre outras cuestións, que “a actuación resulta compatible co réxime hidráulico da canle do río e coa planificación hidrolóxica aplicable, sen que se aprecien afeccións incompatibles co dominio público hidráulico nin vulneración do principio de non deterioración da masa de auga”, e dá luz verde á construción da nova Ponte.
Obtida a autorización por parte do organismo que ten a tutela do dominio público hidráulico d río Cabe, e sendo favorables o resto de informes sectoriais de Patrimonio da Xunta de Galicia, os seguintes pasos administrativos para a construción desta infraestrutura pasan a depender do Concello de Monforte de Lemos.
Estes trámites comezarán pola aprobación inicial do proxecto, que seguidamente será sometido a exposición pública para a presentación das correspondentes alegacións se as houbera. Logo deste proceso resolveranse ditas alegacións, no caso de que se presentaran. Cumprido este trámite, aprobarase definitivamente o proxecto para, finalmente, proceder á licitación da súa construción. A licitación das obras, apunta o rexedor, é previsible que se produza antes de que remate o presente ano 2026, e a adxudicación á empresa gañadora do concurso producirase en abril aproximadamente.
O Alcalde avanza que “estes pasos administrativos comezarán previsiblemente á volta das vacacións, xa que moitos dos funcionarios que interveñen nestes procedementos están desfrutando das súas vacacións”.
Características da Ponte Nova
A construción da Ponte do Malecón é un compromiso adquirido polo Alcalde de Monforte, José Tomé, que xa foi sometido a un concurso de ideas no ano 2020, no que foi seleccionado o deseño da nova infraestrutura, “unha ponte de Ferro que recorde a que estaba situada no lugar que ocupa a actual Ponte Nova na Avenida de Galicia, unha ponte que caeu nos anos 50 do século XX”, explica Tomé.
Deste xeito, unha estrutura similar á da antiga Ponte de Ferro será un gran atractivo máis de Monforte, sen apoios no río, volverá ser unha realidade visible en Monforte, adaptada ás necesidades viarias actuais, con 2 carrís de 3,5 metros de ancho, un para cada sentido da circulación, e as beirarrúas de 2,5 metros de ancho cada unha para facilitar o paso dos peóns.
“Cando isto sexa realidade, a Ponte Vella ou Ponte Medieval, converterase en peonil, e contribuiremos así a conservar un monumento emblemático da nosa cidade catalogado como Ben de Interese Cultural”, remarca o Alcalde.