
Monforte de Lemos, 1 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, compareceu este martes, 1 de setembro, ante os medios de comunicación, para dar conta da aprobación inicial por parte da Xunta de Goberno Local do proxecto da nova Ponte de Ferro do Malecón, un “paso decisivo”, indicou, “no cumprimento dun dos compromisos adquiridos coa veciñanza: a peonalización da Ponte Medieval, un paso que ningún Alcalde anterior atreveuse a dar, e a construción dunha nova Ponte no Malecón”.
Acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, José Tomé cualificou o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local na súa sesión de onte, luns 31 de agosto, como “un acordo histórico” para a mobilidade da cidade e, especialmente, para a conservación da Ponte Vella ou Ponte Medieval como monumento e para o seu futuro uso exclusivamente peonil.
O rexedor explicou que a aprobación inicial do proxecto supón “o primeiro paso serio, o primeiro paso administrativo” para avanzar cara ao peche da Ponte Medieval ao tráfico rodado e a súa transformación nun espazo destinado ao desfrute dos monfortinos e monfortinas e das persoas que visitan a cidade.
“Estamos ante un proxecto que avanza, que ten todas as autorizacións necesarias e que agora entra nunha fase decisiva que nos acerca á necesaria peonalización da nosa Ponte Medieval”, sinalou o Alcalde.
Un proxecto con todas as autorizacións necesarias
O proxecto da nova Ponte de Ferro do Malecón conta xa cos permisos necesarios de Patrimonio da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que permite iniciar a súa tramitación administrativa.
A actuación nace do concurso de ideas convocado polo Concello no ano 2020 e o deseño seleccionado recupera a imaxe da antiga Ponte de Ferro que existiu na zona da actual Ponte Nova da avenida de Galicia e que desapareceu nos anos 50 do século XX.
Esta nova ponte permitirá establecer unha nova conexión viaria entre as rúas Santa Clara e Corredoira e o Paseo do Malecón, mellorando as comunicacións entre esta zona da cidade e o entorno do Hospital e contribuíndo tamén a reducir o tráfico de vehículos pola rúa Hortas e polo centro urbano.

Respecto polo río Cabe e polo espazo do Malecón
O proxecto foi deseñado sen apoios no río Cabe, co obxectivo de respectar tanto o curso fluvial como o espazo natural do Malecón. Contará con dous carrís de circulación de 3,5 metros cada un e dúas beirarrúas de 2,5 metros de ancho, garantindo tamén unhas adecuadas condicións para o tránsito peonil. En total, a plataforma terá 12 metros de ancho.
O Alcalde salientou que as obras non afectarán á zona verde nin ás árbores de ribeira existentes, polo que se manterán as condicións actuais de sombra e os espazos de descanso para a cidadanía. Segundo explicou, a actuación afectará unicamente a un chopo e a unha rama dun plátano, mantendo o resto da vexetación existente.
Reivindicou, así mesmo, que o proxecto permitirá tamén “desmontar todos os bulos e mentiras” que se difundiron sobre a actuación, e puxo como exemplo as críticas que se produciron no seu día en relación coa Fonte do Parque dos Condes: “Eu asegúrolles que a Ponte do Malecón vai quedar igual de ben e bonita que a Fonte, converténdose nunha infraestrutura moi importante para as comunicacións da cidade de Monforte”.
“Será unha ponte moderna, adaptada ás necesidades actuais, pero inspirada na historia da nosa cidade”, engadiu.
Un investimento de máis de 5,1 millóns de euros
O Alcalde detallou, ademais, que a actuación conta con “financiación asegurada” mediante un convenio coa Deputación de Lugo, sen necesidade de que o Concello solicite ningún crédito, “grazas a boa xestión do Equipo de Goberno, tal e como vimos acreditando nestes últimos 11 anos cando chegamos a Alcaldía e que vén de ser respaldada polo Consello de Contas de Galicia”.
O orzamento previsto para a licitación ascende a 5.126.356,71 euros, aportados do seguinte xeito:
Concello de Monforte: 2.839.299,71 euros (55 %).
Deputación de Lugo: 2.287.057 euros (45 %).
Total: 5.126.356,71 euros.
O Alcalde indicou tamén que a baixa que poida producirse durante o proceso de licitación permitirá reducir a achega municipal, estimando que esta redución podería situarse entre o 10% e o 15 %, en función das ofertas presentadas polas empresas.
Exposición pública durante un mes
O acordo de aprobación inicial do proxecto foi publicado hoxe, 1 de setembro, no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web municipal, polo que se abre o período de exposición pública. O proxecto poderá ser consultado durante un mes, ata o día 1 de outubro, tanto na Secretaría do Concello como na Sede Electrónica e na páxina web municipal.
Tal e como explicou o Alcalde, as persoas interesadas en consultar presencialmente a documentación deberán solicitar cita para que a funcionaria responsable poida facilitar a consulta de maneira ordenada.
Unha vez rematado o período de exposición pública, o procedemento continuará coa resolución das posibles alegacións e coa aprobación definitiva do proxecto.
Unha folla de ruta definida
Os pasos administrativos previstos polo Concello son os seguintes:
- Aprobación inicial do proxecto.
- Exposición pública.
- Resolución das posibles alegacións.
- Aprobación definitiva do proxecto.
- Licitación das obras polo Pleno do Concello.
- Adxudicación dos traballos á empresa correspondente.
- Aprobación do documento de seguridade e saúde.
- Sinatura da acta de replanteo.
- Inicio das obras.
O Alcalde avanzou que a previsión municipal é que “a licitación das obras poida producirse antes de que remate o ano 2026 e que, unha vez completado o procedemento de contratación, se poida avanzar cara á adxudicación das obras aproximadamente no mes de abril de 2027”.
A intención é que os traballos poidan comezar no verán de 2027, coincidindo cunha época axeitada para a realización dos movementos de terras.
Conservar a Ponte Medieval, un compromiso do Equipo de Goberno
O Alcalde incidiu en que este proxecto é un dos compromisos adquiridos polo seu Equipo de Goberno. “A Ponte Vella é un dos monumentos máis importantes de Monforte, está catalogada como Ben de Interese Cultural e como tal temos que protexela e conservala como se merece. Nós ímolo facer, outros falaban pero non o fixeron”, afirmou José Tomé.
O Alcalde lembrou que o primeiro paso se deu no ano 2020, coa convocatoria do concurso de ideas, e que posteriormente o Concello foi avanzando na redacción do proxecto e na obtención dos diferentes informes e autorizacións sectoriais.
“Como Alcalde comprometinme a facelo e vou cumprir ese compromiso, porque eu sempre cumpro coa palabra dada”, afirmou.
José Tomé explicou que a nova ponte permitirá liberar á Ponte Medieval do tráfico rodado e convertela nun espazo peonil para a cidadanía e para as persoas visitantes, garantindo así a súa conservación e poñendo en valor un dos elementos patrimoniais máis importantes da cidade.
“Non puidemos licitala antes porque non tiñamos os permisos, pero agora si que imos cumprir co noso programa electoral, un programa que votaron o 55 % dos monfortinos e monfortinas”, concluíu o Alcalde.
CONSULTA O PROXECTO:
20260827_20260204_MLptPF5_pe2_Tomo I.pdf
20260827_20260204_MLptPF5_pe2_Tomo II.pdf
20260827_20260204_MLptPF5_pe2_Tomo III.pdf