O vindeiro 27 de maio ás 18:00h farase entrega dos premios e diplomas do XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte.
O Certame de Teatro para Centros de Ensino de Monforte de Lemos organizado pola Delegación Municipal de Cultura e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo no Plan Deputación 2026 de Cooperación cos Concellos é unha das actividades culturais que leva máis anos realizándose nesta delegación, xunto cos centros de ensino da cidade se convoca dende o ano 1.991, e ten edición tras edición un grande éxito en moi diferentes facetas entre as cales salientan a alta e entusiasta participación de nenos e nenas dos diferentes centros e a masiva presenza de público nas representacións teatrais. O Concello busca a través do certame desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.
O Certame programado neste ano entre o 7 e o 19 de maio tentou achegar a unha parte importante da poboación monfortina ao mundo do teatro a través dos seus centros de ensino, estes xunto coa Delegación de Cultura consensúan as bases do certame e logo buscan, preparan e montan as obras de teatro que representarán para o público en xeral e tamén para os seus propios centros. A realización desta actividade non sería posible sen o apoio incondicional dos equipos directivos dos centros de ensino e dos seus profesores, en moitos centros formáronse aulas de teatro como actividade extraescolar, que coa súa implicación e enorme traballo logran estes magníficos resultados.
Os centros participantes neste ano foron IES A Pinguela, CPR Ferroviario, ES Río Cabe, CEIP Monforte, IES Daviña Rey e o CEIP A Gándara. Todas as representacións foron na Casa da Cultura ás 20:00 h.